Martes, 5 Novembro de 2024

Ponteareas regresará ao século XX cunha nova edición da Feira Tradicional dos Remedios

Ponteareas prepárase para unha nova edición da Feira Tradicional dos Remedios, que devolverá á vila ao século XX o vindeiro mes de setembro. O parque da Feira Vella, a Praza de Bugallal e as rúas da contorna acollerán o vindeiro 10 de setembro a décimo cuarta edición deste encontro cultural no que, como cada ano, haberá de 10.00 a 20.00 horas postos de artesáns e expositores.

O Concello xa ten aberto o prazo de inscrición para participar nesta nova edición. As persoas ou entidades interesadas poderán solicitar o seu posto ata o venres 2 de setembro enchendo o formulario recollido nas bases de participación. A organización da feira valorará todas as solicitudes recibidas e comunicará o luns 5 de setembro a cada persoa inscrita a súa participación ou non na feira.

Daráselle preferencia a aquelas persoas que realicen demostracións en vivo dos seus oficios, así como a todas e todos os expositores inscritos no rexistro de Artesáns de Galicia e a produtores e produtoras locais que cumpran os requisitos estipulados nas bases. As e os participantes deberán estar ataviados con vestimenta de principios do século XX.

O concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó, anima a todas as persoas interesadas a presentar as súas solicitudes e participar nunha feira única “que recrea o ambiente comercial de principios do século XX e que congrega cada edición a artesáns de produtos de alimentación, de tecidos, de complementos, de cosméticos ou de gando, entre outros moitos produtos e servizos”.

As persoas interesadas poderán consultar calquera dúbida a través do enderezo electrónico feiratradicionaldosremedios@gmail.com.

A Feira Tradicional dos Remedios forma parte do amplo abano de actividades que se celebrarán con motivo das Festas de Setembro. O goberno local dará a coñecer nos vindeiros días a programación completa dun mes cheo de cultura e lecer, que se intensificará entre o 8 e 11 de setembro, con motivo dos Remedios, e do 28 ao 2 de outubro, coa celebración de San Miguel.