Sábado, 3 Maio de 2025

A comunidade educativa do CRA «María Zambrano» do Rosal colabora na remodelación da súa biblioteca

Esta pasada fin de semana, nais, pais e profesorado do CRA ‘María Zambrano’ do Rosal traballaron xuntos para instalar o mobiliario das novas instalacións na biblioteca que o centro escolar ten na escola de Tabagón. O ‘María Zambrano’ accedeu a unha axuda da fundación La Caixa para dotar de mobiliario e material escolar a unha aula multisensorial.

Para a súa instalación foi preciso ampliar a biblioteca de Tabagón e, nesa actuación, o Concello fíxose cargo da ampliación e as obras leváronse a cabo durante o verán.

A biblioteca do CRA é un espazo dinámico no que os nenos e nenas non só están en contacto cos libros senón que nela realízanse actividades como contacontos ou presentacións, nas que participan tanto o alumnado como as súas familias.

Froito desta implicación, e para poñer en marcha o novo espazo, nais, pais e persoal docente traballaron xuntos para montar e instalar o novo mobiliario deixando todo preparado para a chegada do material da aula multisensorial, que fará realidade un proxecto que vai ampliar os usos e prestacións da biblioteca.