Sábado, 3 Maio de 2025

Ponteareas remata a mellora do vial entre o campo de fútbol de Moreira e a estrada provinicial

A obra contou cun investimento superior aos 50.000 euros

A Concellería de Vías e Obras que xestiona Chus Garrote executou nestes días as obras de pavimentación do camiño do campo de fútbol Moreira EP-4005 adxudicadas por un total de 53.274,94 € a través dun concurso público aberto.

Financiadas con fondos propios e cunha achega do plan MARCO da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), estas obras contemplan a pavimentación dun tramo moi demandado pola veciñanza da zona dado o mal estado da capa de rodadura.

Veciños de Cristiñade, Moreira e Nogueira empregan a diario este vial que agora se asfaltou dende o campo de fútbol a estrada provincial EP-4005.

A empresa actuou en 1.139,94 m comezando por unha limpeza das marxes e apertura de cunetas ao longo de todo o tramo. Seguidamente procedeuse ao barrido da superficie e aos traballos necesarios para o posterior asfaltado de 6.968,00 m2 .

Estas obras enmárcanse no planeamento que esta concellería ten previsto para a mellora de viais no rural.

Chus Garrote sinalou que o Goberno local era consciente “da necesidade de mellora deste traxecto pero faltaban os pertinentes permisos da Confederación Hidrográfica ao tratarse dun tramo que transcorre ao lado do río”. Precisamente por iso, a concelleira agradecía “a paciencia dos veciños e das veciñas e os comentarios positivos que nestes días nos están trasladando”.