Sábado, 3 Maio de 2025

O Rosal pecha o Samaín coa compostaxe das cabazas

A campaña para compostar as cabazas xeradas durante a fin de semana pasada con moito do Samaín no Rosal, péchase cun gran éxito, segundo sinalou o Concello que preside Ánxela Fernández Callís. Durante a fin de semana e inicios desta, a cidadanía foi achegando as cabazas ao composteiro comunitario para que o mestre composteiro as xestionase adecuadamente.

Ademais, o mestre tamén visitou os diferentes CRA do concello para preparar e compostar as cabazas alí depositadas no propio composteiro individual instalado en cada un dos CRA.

Para a compostaxe deste material foi preciso seguir unha serie de pasos. En primeiro lugar, procedeuse a eliminación das partes ‘non compostables’ como adornos de tela, papeis de cores, cirios e pintura. Neste último caso, nos casos que foi posible, pelouse a cabaza para aproveitar o interior.

[su_image_carousel source=”media: 8572,8574,8575,8576,8577,8578″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

A continuación procedeuse á trituración das cabazas. Debido ao tamaño e dureza da pel, o picado das cabazas en anacos máis pequenos facilita e acelera o proceso de compostaxe.

Posteriormente remexeuse o material incorporado ao composteiro. Para evitar a compactación e a conseguinte perda de aireación, remexéronse coidadosamente os restos de cabaza xunto co material xa existente no composteiro e con estruturante (madeira triturada). Este paso permite acelerar o proceso de compostaxe, equilibra o exceso de humidade procedente da materia orgánica e evita incidencias no composteiro.

Xa por último, tapouse o material con estruturante para evitar a aparición de mosquiña.

O Concello do Rosal quixo transmitir o seu agradecemento a todas aquelas persoas que decidiron participar nesta campaña, ás usuarias e usuarios habituais do composteiro comunitario e ás que teñen composteiro individual nas súas casas. “Queda moito camiño por recorrer, pero estades deixando claro que existe unha vontade que sen dúbida permitirá o cambio cara a un concello máis sustentable”, aseguraron dende o Executivo local.