Venres, 2 Maio de 2025

Mos iniciará en 2025 a segunda fase da humanización da estrada Mos-Puxeiros

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, anunciou onte no Pleno municipal a aprobación do convenio para levar a cabo a segunda fase da humanización da estrada Mos-Puxeiros, que percorre a parroquia de Dornelas e unha parte de Torroso. Este convenio establece unha colaboración entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Mos para a execución do proxecto denominado “Mellora da seguridade viaria e mobilidade peonil na EP-2601 Mos-Puxeiros dende o P.Q. 2+250 ata o P.Q. 3+600”. Prevese que as obras comezen o próximo ano.

Esta intervención na estrada, que é unha reivindicación histórica da veciñanza de Dornelas, abrangue unha lonxitude de 1.350 metros cun orzamento total de 1.520.114,06 €. A Deputación Provincial achegará o 80% do financiamento (1.216.091,25 €), mentres que o Concello cubrirá o 20% restante (304.022,81 €).

Esta segunda fase incluirá a creación dun espazo peonil mediante unha senda de formigón coloreado de 2,50 metros de ancho situada na marxe esquerda da estrada. Tamén se realizarán melloras na pavimentación da calzada, renovación do sistema de drenaxe, instalación de elementos de calmado do tráfico, melloras na iluminación pública, colocación de mobiliario urbano e soterramento dos servizos afectados.

Primeira Fase

Esta segunda fase insírese nun plan de mellora global da EP-2601, continuando a primeira fase que se desenvolveu no tramo correspondente á parroquia de Mos. Nesta primeira fase investíronse 446.545,39 €, dos cales o Concello aportou un 30% (133.963,62 €) e a Deputación de Pontevedra cubriu o 70% (312.581,77 €).

No primeiro tramo de 575 metros, as obras incluíron a creación dunha senda peonil que conecta dende o Camiño de Santiago, pasa pola contorna da igrexa de Santa Eulalia e chega ata o paseo fluvial e o parque infantil. Ademais, rediseñáronse os espazos e renováronse os pavimentos, incluíndo redutores de velocidade e pasos de peóns elevados para mellorar a seguridade dos peóns. Esta fase tamén contemplou a instalación dunha nova rede de drenaxe de augas pluviais e o soterramento das liñas eléctricas e de telecomunicacións, ademais de melloras na iluminación pública