Escolares de Camos e Chandebrito comezaron os traballos para crear unha gran área cortalumes natural no futuro parque forestal ‘Os Matos-Río Táboas’ do Concello de Nigrán. Así, o alumnado de 5 e 6 de Primaria do CEIP A Cruz e de 5 do Colegio Estudio plantou en 2 hectáreas situadas nun miradoiro na intersección das dúas parroquias 150 árbores autóctonas (nogueiras, sobreiras, cerdeiras, carballos, abeleiras e bidueiras) baixo a dirección da brigada mediombiental municipal e de axentes medioambientais da Xunta. O Concello ten previsto completar a reforestación desta zona con 650 árbores máis o sábado 17 de febreiro empregando a axuda da veciñanza. En total, investíronse 8.000 € na compra destas 800 árbores de preto de 2 metros de altura e que se diseminarán por estas 2 hectáreas ateigadas antes de especies invasoras , fundamentalmente eucalipto e acacia.
“
O futuro parque comprende 420.000 m² calcinados nos incendios de Camos e Chandebrito e inclúe a eliminación de toda a especie invasora para recuperar o bosque autóctono, preservar a fraga do río Táboas e por en valor e os seus elementos etnográficos
“Trátase de vincular afectivamente á rapazada e aos veciños co futuro parque forestal, de que o vexan medrar sentíndose partícipes do mesmo. Eles velarán despois polo seu benestar, o defenderán e o gozarán no seu máximo esplendor”, explica o alcalde, Juan González sobre este tipo de iniciativas educativas, ao tempo que explica que toda a contorna da zona e a propia marxe da estrada será limpada de invasoras e maleza para formar un anel de protección previo a esta área cortalumes chea de especies autóctonas que frean a propagación dos incendios, tal e como xa se fixo nas zonas de vivendas de Camos e Chandebrito.
Estes mesmos escolares, tamén a través da brigada medioambiental do Concello e do programa de hortas escolares municipais contratado a ‘Somos Terra’, sementaron hai dúas semanas landras para fornecer ao viveiro do parque de carballos e, ademais, aprenderon a inocular shiitakes en eucaliptos (traballo que repetirán nas vindeiras semanas nos tocóns desta mesma área, conseguindo ao mesmo que a árbore rebrote).
Parque Forestal
Este espazo natural, vertebrado pola fraga do río Táboas, ubícase en 42 hectáreas (420.000 m²) de terreo totalmente calcinadas nos incendios de 2017, 30 delas pertencen á Comunidade de Montes de Camos (parcelas de Castelo e As Chans) e 12 á de Chandebrito (As Rozadas) e foron cedidas ao consistorio con este fin. O obxectivo das tres entidades é crear un espazo de recreo libre e público, con valores naturais, culturais e paisaxísticos únicos que serán recuperados, conservados e promocionados, ademais deservir de barreira protectora fronte ao lume. O investimento total do Concello será de 400.000 € e os traballos os leva adiante a súa propia Brigada Medioambiental baixo a dirección técnica de ‘Landra’.
“Despois dos incendios, tanto dende o Concello como dende as dúas comunidades, quixemos por en valor este espazo e darlle unha función social; ademais, servirá de protección fronte ao lumes para os núcleos de poboación máis próximos”, resume o rexedor, Juan González.
O proxecto contempla nunha primeira fase a erradicación completa das especies invasoras (fundamentalmente eucaliptos e acacias) e a realización de plantacións autóctonas e, nunha segunda fase, á creación de espazos públicos, restauración dun muíño de auga, posta en valor dos petroglifos…
O grave incendio de 2017 asolou todo este terreo, tanto a masa arborada de eucaliptos con aproveitamento madereiro coma o bosque autóctono de ribeira e as pantacións de coníferas e frondosas. Actualmente o terreo presenta un rexenerado natural de piñeiros, eucaliptos, carballos e castiñeiros. O obxectivo é que, grazas á intervención humana, se recupere o bosque autóctono galego propio desta fraga, cun inmenso atractivo pola gran variedade e biodiversidade de especies vexetais e animais que o forman. Así, todos os traballos iríán destinados a restaurar a cuberta arbórea a manter asó o seu microclima húmido.
O parque forestal contempla medidas naturais de prevención e defensa contra os incendios (faixas de xestión da biomasa); de posta en valor dos elementos patrimoniais e culturais (protección dos xacementos, fundamentalmente petroglifos; ou restauración do coñecido como ‘Muíño do medio de Táboas); medidas de posta en valor dos elementos sociais e de uso público contemplando a accesibilidade para todos (creación dunha área recreativa en O Serradouro e As Rozadas, a pimeira delas inclúe zona de aparcamento); acondicionamento do miradoiro de O Castelo ou creación dunha ruta de subida ao mesmo; medidas de sinalización, promoción e interpretación dos valores do parque forestal (paneis, pictogramas, sinalizacións, códigos QR…)