Domingo, 4 Maio de 2025

O Mercado de Nadal de Tui consolídase coa participación de 50 expositores

Comeza a conta atrás para o Mercado de Nadal que Tui que reunirá a un total de 50 expositores ao longo das tres quendas en que se vai celebrar dende o 1 de decembro ao 5 de xaneiro. O espírito do Nadal inundará o céntrico Paseo da Corredoira nunha cita xa clásica durante estas festas na cidade, e que contribúe á dinamización da actividade comercial tudense.

As casetas de madeira nas que se ubicarán os postos estarán coidadosamente decoradas converténdose no mellor escaparate para produtos artesáns, gastronómicos, de agasallo, decoración… que converterán de novo á Corredoira nun punto de referencia na axenda do Nadal tudense.

Desde o 1 de decembro e até o 5 de xaneiro, os expositores rotarán, ofrecendo unha variedade en constante cambio de produtos nas tres quendas establecidas, do 1 ao 12 de decembro, do 13 ao 24 de decembro e do 26 de decembro ao 5 de xaneiro, co que prometen unha experiencia renovada en cada visita.

A diversidade de artigos dispoñibles é un dos puntos fortes deste mercado, que presenta unha ampla gama de agasallos do Nadal confeccionados en materiais como madeira, prata, latón, vidro, coiro, resina, tecidos de gancho e punto, entre outros. Ademais, a oferta gastronómica brindará churros, chocolate, crepes, galletas, pasteis, gofres, mel, hidromel, viño quente … Non faltará a decoración do Nadal cunha variedade interminable de artigos propios da tempada festiva.

O Mercado de Nadal de Tui consolídase coma un referente na zona e gaña forza edición a edición. Amais da actividade expositiva e de venda, non faltarán os obradoiros e a animación musical cun programa que se dará a coñecer en breve.

No Mercado estará situada a “Árbore dos desexos”, adornados con bolas que conteñen os desexos que plasmaron nunha tarxeta os nenos e nenas das familias ás que axuda SOS Tomiño Baixo Miño. As persoas que desexen colaborar deben recoller unha das bolas de Nadal, facer realidade ese desexo e entregalo a SOS Tomiño Baixo Miño. Esta iniciativa solidaria está promovida por EMEmedia.gal, SOS Tomiño Baixo, Viveros Nilo e o Concello de Tui.

O Mercado de Nadal, a decoración sostible, a iluminación de rúas prazas, os concertos… brindarán unha programación de Nadal única en Tui.