Sábado, 3 Maio de 2025

O Grupo San Roquiño estrea no auditorio a súa última longametraxe, ‘Goián vaciado’

Tomiño está de estrea esta fin de semana. O Grupo San Roquiño proxecta por primeira vez a súa última longametraxe, ‘Goián vaciado’, unha historia na que a veciñanza interpreta aos personaxes máis variadas para pasar unha tarde cargada de risas, humor e sátira.

A trama da película xira arredor da crecente despoboación de Goián. Cada vez nacen menos bebés, cada vez queda menos xente… e as e os protagonistas idean hilarantes formas de atraer a máis veciños e veciñas a vivir as súas rúas. A longametraxe recolle dous anos e medio de traballo entre guión, gravación, edición e moitas risas e compañeirismo entre todas e todos os participantes.

Con música do compositor Andrés Álvarez, neste novo filme participan coma sempre máis dun cento de veciños e veciñas, cunha morea de cameos, como o da alcaldesa de Tomiño, Sandra González. A película foi feita coa colaboración da Comunidade de Montes de Goián, da Comisión de Festas da Virxe dos Remedios e San Cristovo, do Concello de Tomiño e coa predisposición e axuda de numerosas persoas que cederon espazos e material necesarios para a gravación.

O estreo contará cunha alfombra vermella pola que desfilarán actores, actrices e equipo técnico, así como todo o público que se achegue a desfrutar dunha fin de semana chea de risas para rematar o Mes do Humor.

A película poderá verse no auditorio de Goián este sábado 2 de novembro cun pase ás 18.00 e outro ás 22.00 horas e o domingo 3 con sesión ás 17.00 e ás 21.00 horas. O prezo da entrada será un quilo de alimentos non perecedoiros que se doarán á entidade SOS Tomiño, que traballa coas familias máis desfavorecidas da comarca.