Sábado, 3 Maio de 2025

Covelo promove a creatividade co seu concurso fotográfico para o calendario de 2024

Fomentar a participación da veciñanza en actividades artísticas e creativas é o obxectivo do IV Concurso Fotográfico Concello de Covelo. Ata o venres 17 de novembro ás 13:30 horas poderán presentarse as fotografías que respondan ao tema elixido para este ano, “Covelo, Turismo, Cultura e Patrimonio”. Doce fotografías de interese turístico, cultural e patrimonial  formarán parte dos dous mil calendarios do 2024 que, como de costume, serán repartidos entre a veciñanza no mes de nadal. Deste xeito tan visual, a riqueza natural e histórica do Concello de Covelo formará parte do día a día das persoas que pasen a recollelo pola Casa do Concello a partir de mediados de decembro.

As persoas interesadas en participar deberán achegar as súas fotografías á Biblioteca Pública Municipal impresas en cor en branco e negro en papel fotográfico horizontal de tamaño 21×30 cm. (300 p.p.) e tamén en formato dixital. Cada participante poderá presentar un máximo de dúas obras.

As fotos serán presentadas baixo un código escrito no respaldo da fotografía facilitado na biblioteca, e sen datos do autor. Irán acompañadas dun sobre pechado, e no exterior deste figurará o mesmo código que o das fotografías e no interior do sobre depositarase unha nota co nome, apelidos, domicilio e teléfono de contacto do autor.

O sábado día 18 ás 19:30 no Auditorio Municipal de Covelo terá lugar a apertura da exposición das fotografías presentadas e a partir das 20 horas un xurado formado por fotógrafas e fotógrafos profesionais darán o seu veredicto.

A concellería de Cultura informa que se establecen tres premios. A persoa gañadora poderá elixir entre un curso de fotografía ou unha experiencia fotográfica de montaña. O segundo posto recibirá 2 ampliacións fotográficas de 40×30 cm e o terceiro premiado unha ampliación fotográfica de 40×30 cm tamén sobre soporte ríxido.