Domingo, 4 Maio de 2025

Redondela solicita á Xunta que asuma o transporte escolar dos alumnos de Bacharelato e FP

O Concello de Redondela denuncia que o comezo do curso escolar puxo de manifesto unha vez máis as carencias no sistema do transporte escolar. Alumnado dos IES Pedro Floriani e Mendiño, especialmente os das parroquias de Reboreda, Portocabeiro, Vilar de Infesta, Cesantes, Quintela e Cedeira, non contan con prazas suficientes nos autobuses para poder facer o percorrido entre os seus domicilios e o instituto que lle corresponde. O alumnado de Bacharelato e Ciclos de FP non ten dereito ao transporte escolar, segundo recolle a normativa da Consellería de Educación, agás que existan prazas libres no autobús, e o incremento da matrícula nalgúns cursos complicou aínda máis a situación. O Concello de Redondela denuncia que a rapazada de entre 14 e 17 anos ten que trasladarse desde as diferentes parroquias en vehículo privado ou camiñando, xa que tampouco existen liñas de transporte público ordinario.

Esta situación levou ao goberno local a reunirse coas ANPAS dos centros afectados para buscar unha solución. A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que “o ensino público e de calidade é un dereito de todos e todas”, polo que denuncia que a Xunta de Galicia non estea a respectar a igualdade de oportunidades da mocidade de Redondela “ao discriminar ao alumnado que vive nas parroquias e que tampouco conta cun transporte público alternativo para desprazarse ao instituto”. Tal e como acordaron coas familias o goberno local non descarta convocar mobilizacións de protesta se a Xunta de Galicia non resolve estas deficiencias. Rivas denuncia que hai dúas semanas solicitaron unha reunión urxente coa Consellería de Educación para tratar este asunto “e aínda non temos resposta”.

Levarase a pleno da próxima semana unha moción consensuada coas ANPAS solicitando ao goberno galego “que se garantan os dereitos dos nenos e nenas á educación, considerando como esencial o servizo de transporte escolar, tanto para Bacharelato como para os ciclos de FP e Educación Infantil”. Na sesión plenaria deste mes buscarán o apoio do resto dos grupos para instar á Xunta de Galicia a que modifique a normativa actual “habilitando o transporte escolar e universal para todo o alumnado de 3 a 18 anos, sen restricción por distancia”. Por outra banda demandan á Xunta que “con carácter urxente modifique o horario do transporte regular adaptándoo ao horario escolar e aumentado o servizo se é necesario”.

A rexedora local comprometeuse coas familias a que mentres a Xunta de Galicia non asuma este transporte o Concello de Redondela “mediará coa empresa concesionaria do servizo para tentar aumentar a capacidade dos autobuses e así garantir que os mozos e mozas de Bacharelato e Ciclos de FP poidan acudir puntualmente aos seus centros e regresar aos seus domicilios aínda que vivan no rural de Redondela”.

A moción debatirase no pleno da corporación municipal que se celebrará o próximo xoves, día 28 de setembro, no auditorio da Xunqueira.