Máis de 150 persoas participarán este domingo 24 de setembro en Mondariz na segunda das “Depo Rutas BTT” que organiza a Deputación de Pontevedra este ano e que transcorrerá por paraxes da vila. Estas rutas en bicicleta enmárcanse na programación impulsada pola institución provincial co obxectivo de fomentar os hábitos saudables a través da práctica de actividade física en contacto coa natureza.
A “Depo Ruta BTT” por Mondariz, con saída (ás 10:00 horas) e chegada ao Campo de Fútbol da Lagoa, consta de aproximadamente 25 quilómetros e ten dificultade media. Discorre a través de paisaxes nos que as persoas participantes poderán desfrutar de elementos como o carballo da Armada, unha árbore centenaria, así como das vistas do Castelo de Sobroso ou da ermida de Santa Trega. Haberá un aprovisionamento na metade do percorrido e ao finalizar.
Dirixidas a persoas que gocen do deporte en contacto coa natureza, as “Depo Rutas BTT” ofrecen percorridos ciclistas polos montes da provincia, nunha aposta pola actividade física como forma de vida para coñecer e descubrir a variedade natural, ecolóxica e patrimonial da provincia. Despois da celebración da ruta por Mondariz, este luns 25 de setembro ábrese o prazo de inscrición para a terceira e última proba, que transcorrerá pola Serra do Cando, en Forcarei, e se celebrará o 25 de outubro. Ofértanse un total de 200 prazas e as persoas interesadas deberán anotarse no formulario que atoparán na web provincial (www.depo.es).