Venres, 9 Maio de 2025

Roi Méndez, protagonista da fin de semana en Ponteareas

A Praza Bugallal e a Praza Maior acollerán a primeira edición do festival Urbano O Son do Tea

O Concello de Ponteareas destina a programación desta fin de semana á mocidade, coa organización de dous eventos musicais con artistas de prestixio e absoluta actualidade.

A cita musical comeza o venres por partida dobre. Por unha banda, o grupo indie AriMagritte actuará ás 21:30 h na Praza Bugallal e a continuación o artista galego Roi Méndez, na Praza Maior a partir das 22:30 h.

Despois de darse a coñecer na orquestra Olympus, acadar o éxito como concursante no programa televisivo Operación Triunfo e capturar as etapas do camiño de Santiago como influencer, Roi Méndez chega a Ponteareas para facer desfrutar a persoas de todas as idades.

E o sábado, música en dous emprazamentos: a Praza Bugallal e a Praza Maior acollerán a primeira edición do festival urbano O Son do Tea, con nomes tan recoñecidos no seu cartel como Uri Sabat, Groove Amigos, Dumore, Samu Pexe, Manu Pérez e DJ Crazy.

A partir das 20:00h comezará a sonar a música para despedir o verán por todo o alto, pero as Festas de Setembro continúan ata o 1 de outubro.

A entrada para ambos eventos será de balde e agárdase unha gran acollida por parte do público máis novo.

“Os mozos, que xa non son nenos, pero tampouco adultos, precisan de actividades e eventos adaptados aos seus gustos e necesidades. Por iso, esta fin de semana quixemos dedicarlla a eles, que sempre son os grandes esquecidos das programacións de ocio ofertadas polas institucións públicas” asegura o concelleiro de Cultura, Ricardo González.