Sábado, 3 Maio de 2025

Ponteareas inicia o proceso de humanización da rúa Redondela

As obras, que contan cun orzamento de 520.000 euros, incluen a renovación da rede de saneamento e comezarán antes de rematar o 2019

O concello de Ponteareas da un paso máis na mellora e transformación do núcleo urbano iniciando o proceso que rematará na humanización da rúa Redondela. O primeiro paso dado é poñer en coñecemento das empresas que poidan estar interesadas, da apertura do prazo de presentación de ofertas que estará aberto ata o 30 de outubro. Cun orzamento de licitación de 520.226,70 €, o Concello financia o 20 % da obra e os fondos FEDER da Unión Europea, no marco da estratexia ‘Ponteareas, Hábitat Saudable’”, o 80 % do custe da obra.

A obra, decidida entre o Goberno e a cidadanía, non fai máis que cumprir “o compromiso de facer de Ponteareas un fogar no que vivir”, sinala o executivo local.

O alcalde Xosé Represas explica que, mediante un proceso participativo a veciñanza da zona “recibíu información sobre a transformación a relizar, reuníuse cos técnicos redactores do proxecto, podendo trasladar as súas suxestións e necesidades chegando mesmo a ser partícipe da proposta que se vai executar”.

A opinión maioritaria decantouse pola alternativa que supón un maior grao de humanización da rúa. Deste xeito, o proxecto contempla, segundo adianta a concelleira de Vías e Obras Chus Garrote, un único sentido de circulación desde a rotonda da estrada de As Neves até o entronque da rúa Redondela coa rúa das Pombas. Desde aí até a rotonda do Axente Comercial manterase o dobre sentido de circulación. A alternativa escollida contempla a ampliación substancial das beirarrúas que oscilarán entre os 2,50 metros e un máximo de 6,00 metros.

Ademais contémplase a plantación de 27 árbores e a instalación de 12 farolas con tecnoloxía led, 6 bancos, papeleiras, dispensadores de bolsas para excrementos de cans e paneis informativos para colocación de información municipal.

Tamén se reducirá o límite de velocidade aos 30 km/h e créase unha zona a maiores de carga e descarga

O alcalde Xosé e a concelleira sinalan que, nestes momentos, o Concello de Ponteareas ten en execución obras por máis de dous millóns de euros xa que, a humanización da rúa Redondela, engádense obras como a humanización do primeiro tramo da rúa San Roque –que xa está executándose–; o saneamento e mellora do Alto da Gloria; o tramo da rúa Fernández Vega fronte a praza da abastos e auditorio –a piques de arrancar–; a mellora da eficiencia enerxética do Conservatorio e da Escola Infantil Municipal, entre outras.

As obras, sinala o alcalde ponteareán, son exemplo da “transformación por completo da vila converténdoa nun lugar pensado para a xente, no que vivir, pasear e gozar”.