Domingo, 11 Maio de 2025

O Ramo do Rosario volveu relucir en Godóns

Un ano máis o tradicional Ramo do Rosario desfilou en Godóns para perpetuar os rituais populares que acompañan a historia dos veciños desta parroquia e da contorna. Este ano, por vez primeira, tomou o relevo a recentemente creada Asociación O Ramo do Rosario, que naceu para manter vivas as tradicións e legalas ás novas xeracións. A súa vocación é promover vivos estos costumes que provocan momentos de encontro e fomentan a unidade veciñal.

Ao non ser posible que o relevo o collan os matrimonios casados na igrexa parroquial, a asociación suplirá esta circunstancia e confeccionará, a partir de agora, o ramo ao estilo tradicional: unha rama de piñeiro de como mínimo cinco rodas de polas, adornos de papel de cores, flores e fitas coroando cada rama, unha cabaza con viño, unha rosca e un polo simbolizado agora por unha figura e dar, así, cumprimento á Lei de Protección e Benestar Animal.

Cada primeiro domingo de agosto sairá o Ramo do Rosario da Casa Cultural de Godóns para acadar a igrexa e acompañar a procesión. A veciñanza gozará dun picoteo que emulará o que ofrecían os maiordomos nos seus fogares.