Domingo, 4 Maio de 2025

Redondela crea un mural para o acto institucional do Día do Orgullo LGTBIQ+

“Desde finais dos anos 70 a bandeira de arco da vella simbolizou a diversidade e o orgullo da comunidade LGTB. Na actualidade, hai unha nova proposta aínda máis inclusiva, deseñada por Daniel Quasar en 2018, que suma a popular bandeira multicolor á do colectivo transxénero”. Así o manifestou na mañá de onte a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, no acto institucional do Día do Orgullo LGTBIQ+ que tivo lugar na Senda Verde en Chapela.

O acto, insistiu a rexedora local, quere expresar o sentir da cidadanía “en apoio de aqueles e aquelas que, por motivos de identidade ou da súa orientación sexual, son vítimas de persecución, acoso e mesmo violencia”. Redondela, afirmou con rotundidade Digna Rivas, “foi sempre referente en defensa dos valores individuais. Por ese motivo queremos seguir avanzando cara unha sociedade máis igualitaria e o novo mural da Senda Verde é un reflexo disto. Se ata o de agora estes colectivos usaban dúas bandeiras, agora unifícanse nunha mesma a través da creación de Quasar . A intención é que esta insignia común aos poucos vaia calando e popularícese”.

O manifesto foi escrito polo portavoz da asociación IRISAR de Redondela e lido polas redondelás Noa, Noela, Noelia e Claudia que foron as encargadas de realizar o mural xunto coa artista plástica Paula Amoedo. No escrito, faise fincapé nos cambios que están acontecendo na sociedade xa que, “despois de 54 anos de loita, temos que voltar ás rúas para loitar contra a ideoloxía de partidos extremistas de dereitas que quere rematar coa liberdade e coa igualdade, poñendo no punto de mira os nosos dereitos. Dereitos acadados dende ás rúas ata ás institucións, dende os parlamentos ata os boletíns oficiais, onde se cambia a vida da xente. Dereitos que estes partidos queren revocar ou negarnos, como a Lei do matrimonio igualitario ou a adopción monoparental”.

Dende Asociación Irisar de Redondela, que lamentablemente por motivos laborais non puideron estar presentes, quere agradecer “o esforzo do goberno de Redondela por apoiar os dereitos de todas as persoas, independentemente das cores que nos representan, as institucións teñen a obriga de  loitar a diario para manter os dereitos da cidadanía”

O concello de Redondela anima a veciñanza “a sentir o orgullo de vivir nun dos concellos que máis respectan os dereitos das persoas LGTBIQ+. A defender e reivindicar que non estamos dispostos a retroceder nin un milímetro a un pasado gris e reaccionario, senón a seguir avanzando con paso firme cara ao futuro”.

No manifesto púxose en valor as iniciativas do municipio en favor dos dereitos LGTBIQ+ e como dato identificativo sinalouse a Redondela como “unha vila que apoia ás asociacións e colectivos minoritarios e que conta con bancos LGTBIQ+ nas parroquias, e con bancos coa bandeira trans en colexios e institutos. Ademais dunha bandeira grande pintada no lateral do multiusos, graffitis coas cores LGTBIQ+ en Chapela e Redondela”.

Ademais da lectura do manifesto, inaugurouse a exposición REFERENTES que ten o obxectivo de defender os dereitos da infancia LGTBIQ+ a non sufrir insultos nin agresións, o dereito de ter REFERENTES como os da exposición, cos que poden sentirse identificados e identificadas”, conclúe a rexedora local.