Sábado, 3 Maio de 2025

Dura etapa do circuíto galego de augas abertas Arzúa-Ulloa 2023 en Ponteareas

O sábado 10 de xuño celebrouse o VII Campionato Galego de augas abertas no río Tea, en Ponteareas. Ésta era a primeira das 8 etapas que compoñen o circuíto galego de augas abertas Arzúa-Ulloa 2023.

A baixa temperatura da auga, 16,5°C, e a aparición da choiva nalgúns períodos, engadiron dificultades a unha proba, que resultou máis dura e difícil do esperado, que rexistrou algúns abandonos por fatiga e hipotermia.

Alba Ortíz de Guinea, do Club Natación Ponteareas, e Mario Méndez Puga, do CN Vigo Rías Baixas, foron os vencedores da categoría absoluta feminina e masculina, tras cruzar en primeira posición o seu percorrido de 4 voltas ao circuíto, ata completar o 5km de distancia.
Por equipos, o Club do condado alzouse tamén coa vitoria conxunta absoluta e máster, ademais de conseguir numerosos podios individuais.

O circuíto recala na Coruña na súa seguinte parada, en xullo, e volverá á praia da Freixa, en Ponteareas, o 19 de agosto na clásica travesía Vila do Tea que este ano volve formar parte da Copa de España de Augas Abertas.