Sábado, 3 Maio de 2025

Mondariz promove a igualdade a través dun obradoiro de teatro social

A actividade, que é gratuíta, encádrase dentro do Pacto de Estado contra a violencia de xénero

Este mércores, 9 de outubro, dá inicio o segundo obradoiro de teatro organizado polo Concello de Mondariz. Logo da exitosa experiencia do ano pasado, que culminou cunha representación con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller (25 de novembro), a directora de escena Avelina Pérez, con experiencia en educación social, volve a coller as rendas desta actividade, financiada polo Pacto de Estado contra a violencia de xénero e orientada a promover a igualdade entre homes e mulleres.

“É un obradoiro de teatro con perspectiva social, na que o proceso ten tanto ou máis valor que a representación final. Pero o teatro social é teatro, non é terapia”, explica Avelina Pérez.

As clases, que son gratuítas, serán martes e mércores, en horario de 19:00-21:00 horas, entre o 9 de outubro e o 23 de novembro, día da representación final. As sesións dos martes terán lugar no auditorio do Centro Social de Mondariz, mentres que as sesións dos mércores faranse no antigo CEIP Riofrío-Vilar (Pé do Muíño s/n, Riofrío).

As persoas participantes aprenderán a traballar con ferramentas expresivas para saber estar en escena a través de xogos dramáticos, xogos de expresión corporal, de voz,… “Trátase máis de estar, non de facer de“, sinala Pérez.