Sábado, 3 Maio de 2025

Arbo saca a licitación a mellora do vial nos Eidos de Arriba

O Concello de Arbo licita as obras para a mellora de viais nos Eidos de Arriba (Sela) a través da plataforma de contratación do Estado por un importe de 108.250,30 €, financiados ca través do Plan Concellos 2022-2023 da Deputación de pontevedra, dentro da Liña 1.

As obras de mellora teñen como obxecto a reforma dos accesos da Igrexa de Santa María de Sela ao seu paso polo núcleo de Eidos de Arriba, así coma os espazos públicos existentes no seu percorrido que, aínda que de escala reducida, contan cun gran valor patrimonial.

O ámbito caracterízase por un tecido de crecemento orgánico, onde a estrada ao sur (comunicación co núcleo de Arbo) e a propia Igrexa funcionaron coma factores de atracción para a construción de múltiples vivendas unifamiliares que acabarían conformando o núcleo de Eidos, diferenciado co nome de Eidos de Arriba para a parte norte e Eidos de Abaixo para a parte sur. Este carácter de crecemento irregular provoca a creación de viarios estreitos e cun trazado tortuoso, coma resultado do baleiro que deixan os muros de peche e en moitos casos as propias fachadas das edificacións, o que dificulta en moitos casos a existencia dunhas axeitadas condicións de accesibilidade a un dos puntos de maior atracción do Concello.

A actuación busca mellorar as condicións e características dos espazos públicos existentes, así como as características dos viais de acceso á Igrexa de Santa María de Sela, hoxe en día inadecuados tanto para peóns coma para tráfico rodado, polo que á intención principal da actuación baséase na mellora da accesibilidade global do ámbito.

Os dous grandes espazos centrais da actuación (zona do Cruceiro e zona do hórreo) recuperan o seu valor de zonas estanciais co uso de mobiliario urbano axeitado e elementos que lle devolvan a calidade urbana, xerando espazos interesantes e amables para os usuarios.