Sábado, 3 Maio de 2025

A parroquia de Maceira contará cun novo centro de día e unha residencia de maiores

A dirección xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia vén de comunicar ao Concello de Covelo a autorización para a construción dunha residencia xeriátrica e centro de día na parroquia de Maceira. Así o informa o alcalde de Covelo, Pablo Castillo.

Co obxectivo de que as nosas persoas maiores non teñan que abandonar Covelo cando xa non poden vivir soas e precisan coidados profesionais o Concello de Covelo continúa cos trámites para obter todos os permisos necesarios e evitar, así,  o desarraigo dos nosos maiores que poderán envellecer na súa terra.

A nova residencia de Covelo contruirase nunha parcela municipal do centro urbano de Maceira que o Concello xa puxo a disposición do proxecto. Ofertará 59 prazas na residencia de maiores e 20 no centro de día. Pola súa ubicación no centro da parroquia, accesibilidade e por estar preto de servizos que poden ser utilizados polos usuarios e familiares a parcela reúne os requisitos precisos para acoller este tipo de infraestrutura.

O Concello de Covelo estudará agora as posibles colaboracións de empresas xestoras para redactar o plan de viabilidade e a futura xestión. O concello conta xa cunha residencia de maiores ubicada na praza Troveiros do centro urbano de carácter privado pero con prazas públicas, fórmula que podería volver repetirse xa que o concello non dispón de persoal propio para o desenvolvemento diario da xestión do centro nin capacidade económica nin legal para a contratación de profesionais. Por este motivo, o goberno municipal avaliará as diferentes propostas.