As parroquias de Ponteareas continúan acollendo os novos cursos de balde postos en marcha polo Concello para achegar as actividades lúdicas e didácticas aos diferentes centros e casas culturais. O vindeiro en arrancar será un curso de cestería no Centro Cultural Os Muíños de Oliveira, un taller de 12 horas de duración no que as persoas participantes aprenderán a elaborar distintas pezas artesanais.
Este curso iniciarase o vindeiro 18 de abril e as clases impartiranse martes e xoves de 17.00 a 19.30 horas. Haberá un máximo de 12 prazas dispoñíbeis e o prazo de inscrición e reserva abrirase o próximo luns 10 de abril.
As persoas interesadas en participar poderán solicitar máis información sobre o curso achegándose ao centro cultural ou ao departamento de Cultura ou enviando un correo electrónico coas dúbidas ao enderezo [email protected].
O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, convida a toda a veciñanza a participar nesta e en todas as actividades de cultura e lecer que o Concello está desenvolvendo nas distintas parroquias.