Sábado, 3 Maio de 2025

A CHMS mellorará o saneamento e a EDAR da Cañiza cun investimento que superará os 1.4 millóns de euros

Comezarase por definir adecuadamente as distintas fases de actuación para conseguir a mellora integral do saneamento e depuración da Cañiza; a continuación a redacción do proxecto construtivo e a execución das obras da primeira fase, que incluirá as máis urxentes

José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e Luís Piña, alcalde da Cañiza, rubricaron hoxe o Convenio que determina as condicións que rexerán o financiamento do Estudo de alternativas e o proxecto para a mellora o saneamento e a EDAR do seu centro urbano e aglomeracións limítrofes; así como a posta ao dispor dos terreos, execución e posterior entrega para o seu mantemento e conservación das obras definidas neste último proxecto.

SITUACION ACTUAL
Os principais problemas no saneamento e depuración neste municipio son o exceso de caudal de chegada á EDAR urbana e a súa posterior vertedura ao río Deva, así como a baixa carga da EDAR industrial e os seus problemas coa vertedura de metais ao río Ribadil, ademais de problemas de desbordamento na entrada das depuradoras de aireación prolongada en Valeixe e Achas.

Doutra banda, non hai que esquecer que a natureza principalmente rural do concello e a orografía, fai que pequenos sistemas de saneamento finalicen en fosas sépticas de funcionamento deficiente.

PROXECTO
Os traballos para executar consisten na recompilación de información, toma de datos, análises, modelización da rede, estudo de alternativas, etc., que sirvan para definir adecuadamente as distintas fases de actuación que son necesarias para lograr a mellora integral do saneamento e depuración da Cañiza, así como a redacción do proxecto construtivo e execución das obras da primeira destas fases que incluirá as obras máis urxentes ou que permitan alcanzar unha mellor relación investimento-resultados.

O proxecto resultante será a primeira fase dun plan integral de saneamento para a Cañiza que precisará dun investimento próximo aos 8.000.000 €. O investimento necesario estímase en 1.450.000, cofinanciada en porcentaxe 80% por CHMS e o 20% restante que asumirá o Concello.

“A colaboración institucional é a clave para conseguir proxectos importantes para preservar e mellorar a calidade das augas dos nosos leitos fluviais, sendo fundamental a implicación dos gobernos locais como canle de comunicación máis directo e claro, polo coñecemento que posúen das necesidades reais das zonas ás que representan” explicou o presidente.

“As actuacións proxectadas permitirán corrixir os problemas de depuración, saneamento e colectores que vén arrastrando a Cañiza desde hai case 20 anos, indicou o alcalde do municipio. Por iso estamos #ante un gran avance ambiental, grazas ao forte apoio e compromiso do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico do Goberno de España”, concluíu.