Martes, 13 Maio de 2025

O alcalde da Cañiza reúnese en Madrid co director xeral de Estradas para desatascar a mellora da N-120 ao seu paso pola vila

O alcalde da Cañiza, Luis Piña, reuniuse en Madrid, na sede do MITMA (Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana), co director xeral de Estradas do Estado, Juan Pedro Fernández Palomino, para tratar de desbloquear os traballos de acondicionamento da N-120 ao seu palo pola vila. Na xuntanza tamén estivo presente, vía telemática, o xefe provincial de Estradas do Estado na provincia de Pontevedra, Pablo Domínguez.

Cómpre lembrar que as obras contan cun proxecto aprobado en 2018 baixo o título de “Acondicionamento de beirarrúas e rede de pluviais en dous tramos da N-120 entre os PP613+970 E 614+910 en ambas as marxes”, pero que se quedou obsoleto polo aumento dos prezos do mercado.

Na reunión celebrada onte, o Director Xeral comprometeuse co Alcalde para acelerar os trámites para revisar de novo o proxecto, adaptar os prezos e dar comezo o procedemento de contratación e adxudicación o máis axiña posible.

O Alcalde da Cañiza expuxo a necesidade urxente de acometer esta obra polo avanzado estado de deterioración que presentan as beirarrúas desta travesía así como os servizos de pluviais, abastecemento de augas e saneamentos.

O proxecto inicial, aprobado cun orzamento de 238.000,00 euros e que terá que ser actualizado, contempla o arranxo de dous tramos da Nacional 120 e tamén da rede de pluviais. Aproveitando a apertura das gabias, Luis Piña comprometeuse a financiar e executar, con cargo aos fondos do Concello, as obras de mellora da rede de rede de sumidoiros, abastecemento de augas e comunicacións, actualmente moi deterioradas e que non entran no proxecto.

As actuacións están localizadas en dous tramos da rúa Progreso. Á altura da Igrexa Parroquial e nos accesos das Augas Férreas, concretamente entre os puntos quilométricos PP613+970 E 614+910, en ámbalas dúas marxes.