Mércores, 14 Maio de 2025

Mañá comeza o I Congreso Internacional na Eurocidade Tui-Valença

Destacadas persoas expertas en educación a nivel nacional e internacional participarán no I Congreso Internacional de Educación Tui-Valença que durante dúas xornadas, venres e sábado, se vai celebrar na Eurocidade Tui-Valença.

As reformas educativas, o debate curricular sobre o perfil de saída, a avaliación competencial, serán algún dos temas que se aborden neste Congreso no que hai inscritas máis de 300 persoas tanto de España coma de Portugal, moitas delas docentes, estudantes, membros de ANPA’s,… As persoas interesadas poden acudir distintas ponencias e mesas redondas o venres á tarde no auditorio da ESCE en Valença e o sábado, tanto pola mañá coma pola tarde, no Teatro Municipal de Tui, até completar o aforo de cada un dos espazos. A xornada do sábado será retransmitida en directo a través da canle de YouTube do Concello de Tui.

Na inauguración deste I Congreso de Educación Tui-Valença, mañá venres, ás 18 h ES, no auditorio da ESCE en Valença, participarán o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; o presidente da Cámara de Valença, José Carpinteira; o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez; o secretario de Estado de Educación do Ministerio de Educación y Formación Profesional, José Manuel Bar Cendón; o  secretário de Estado da Educação do Ministério da Educação, António Leite; Florencio Luengo do proxecto Atlántida e Ariana Cosme, dos Equipos de Investigación da Universidade de Porto.

A continuación, ás 18.30 h terá lugar a ponencia inicial “As claves internacionais das Reformas educativas no mundo” por parte do catedrático de Didáctica da UNED e exasesor de Educación do Banco Mundial, Juan Manuel Moreno Olmedilla. A ponencia será moderada por Ariana Cosme da Universidade de Porto.

Ás 19.15 h ES Mónica Domínguez, directora general de Evaluación y Cooperación Territorial do Ministerio de Educación e FP, e Maria João Horta,  subdiretora geral na Direção-Geral da Educação, no Ministério da Educação de Portugal abordarán “As claves das reformas educativas en España e Portugal”, nunha conferencia que moderarán a concelleira de Educación de Tui, Sonsoles Vicente, e o vereador de Educação de Valença,  Arlindo de Sousa.

Por último, ás 20.30 h ES para pechar esta primeira  baixo o título “O debate curricular sobre o perfil de saída e outras claves nas Reformas de Portugal e España” terá lugar un panel de expertos no que participarán José Moya Otero, da Universidad de Las Palmas, e Ariana Cosme da Universidade do Porto, Portugal. Moderarán Florencio Luengo coordinador do grupo Atlántida e Daniela Ferreira dos equipos de investigación da Universidade de Porto. 

Xa o sábado a actividade do congreso trasladarase ao Teatro Municipal de Tui centrándose nesta segunda xornada na educación por competencias, a aprendizaxe inclusiva, e o perfil profesional docente.