Martes, 6 Maio de 2025

MAVI, a Maleta Viaxeira, chega á Cañiza

Esta mañá, a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba; acompañada do alcalde, Luis Piña; da xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación, Manuela Vilaboy; de concelleiros da Corporación e da responsable do Servizo de Igualdade do Concello, presentaron o proxecto «MAVI». A «Maleta Viaxeira», que comezou a súa andadura o 19 de outubro de 2021 no Centro penitenciario da Lama e continúa a súa rodaxe polas bibliotecas, casas de acollida, asociación de mulleres, CIMs e os servizos Sociais dos Concellos da provincia de Pontevedra que soliciten a Maleta para traballar nos seus centros.

Un “proxecto e unha Maleta que non ten data de volta” comentou hoxe a subdelegada xa que “MAVI viaxará por toda a provincia e iremos variando e aumentando os libros que neste momento son 78, distribuidos en 4 maletas e tamén ampliando as temáticas”.

Na súa intervención Maica Larriba continuou explicando que “os obxectivos deste proxecto son achegar a lectura sobre temas de feminismo, violencia de xénero, empoderamento e autoestima, especialmente ás mulleres. Favorecer un pensamento crítico ante os estereotipos e os roles de xénero que se perpetúan socialmente e promoven a violencia de xénero. Favorecer a lectura dos textos por parte das mulleres como ferramenta favorecedora da igualdade e sensibilizar en materia de violencia de xénero á sociedade en Xeral.”

Ademais, Larriba manifestou o seu orgullo por ter sido a Subdelegación do Goberno de Pontevedra a pioneira e a responsable de por en marcha este proxecto que automáticamente adoptaron as demáis subdelegacións de Galicia.

Un proxecto que ademáis de divulgación ten un compoñente de investigación, xa que despois de rematar cada libro, os lectores que o desexen poden cubrir un cuestionario sobre o que significou a lectura de cada exemplar, que servirá como ferramenta para abordar cuestións relacionadas coa Igualdade e a Violencia de Xénero.

Despois da intervención da Subdelegada, o alcalde Luis Piña, felicitou a Maica Larriba por este extraordinario proxecto, agradeceu o préstamo desta 4ª maleta ao Concello da Cañiza, considerando a demanda que está a ter por toda a provincia e invitou a todos os veciños da Cañiza a coñecer os textos que contén a MAVI.

Ademis, o alcalde aproveitou para lembrar “a implicación deste Goberno coa Igualdade e contra a violencia de xénero. Un traballo que se desenvolve tamén dende os servizos de Igualdade do Concello e que se extende ao longo do ano coa organización de numerosas actividades e a implementación de importantes proxectos de igualdade e contra a Violencia de Xénero ”.