Sábado, 3 Maio de 2025

Mondariz avanza nas obras da senda fluvial de Laredo

Os veciños e visitantes do Concello de Mondariz poderán desfrutar proximamente dunha nova senda fluvial acondicionada para dar paseos a pé. É a senda fluvial de Laredo, que transcorre polo río Xabriña, entre los barrios da Pedreira e do Escobeiro, próximos ao centro urbano de Mondariz. As obras de ampliación e mellora desta ruta inclúen a construción dun treito novo e dunha pasarela para cruzar o río. O resultado será unha senda peonil circular de 3.225 metros. “Agardamos que xa poida estar aberta este verán”, comenta o alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros.

Este proxecto foi desenvolvido grazas a un convenio de colaboración asinado en 2021 entre o Concello de Mondariz e a Confederación Hidrográfica Miño Sil (CHMS). Supón un investimento de 530.000 euros, dos cales a CHMS asume o 80 % e o Concello de Mondariz o 20 %.

Con ésta e outras actuacións que están en proceso, o Goberno municipal busca consolidar unha estratexia que poña en valor os atractivos naturais do Concello de Mondariz, como o río Tea e os seus afluentes, e así promover tanto a calidade de vida da poboación como o desenvolvemento dun turismo de natureza. “Estamos tratando de conectar o centro urbano co río a través de diferentes proxectos, como o desenvolvemento dun Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID) para chegar a construír un albergue turístico na parcela municipal da Cela ou o desenvolvemento dun centro de ocio e deporte urbano no Campo da Minada, que xa están en marcha. Dentro desta estratexia, tamén temos en mente desenvolver unha rede de sendas para impulsar o turismo de natureza. O convenio coa CHMS foi o resultado do esforzo constante por transformar ideas en proxectos factibles para o desenvolvemento integral na nosa localidade, e seguiremos traballando nesa liña”, afirma Barros.