Martes, 6 Maio de 2025

O alcalde da Cañiza visita as instalacións de “Acciona Energía”

Acompañado por Carlos Garrido, xerente de Noroeste Gestión de Activos; e Jesús Fernández e Julio Ruíz, xestores de Operación; Luis Piña visitou o pasado 22 de febreiro as instalacións de “Acciona Energía” con base e oficinas no Polígono Industrial Ribadil II, na Cañiza.

Ésta é a quinta empresa que visita o rexedor dende que o pasado 16 de xaneiro accedera ás instalacións de Reciclados Plásticos Ribadil S.L., no marco dun programa de promoción e impulso do tecido industrial, empresarial e comercial no concello. Un programa que ten como obxectivo principal dar visibilidade ás empresas que operan no polígono industrial da Cañiza e tamén relanzar a excelente posición e posibilidades da Cañiza para o asentamento de novas empresas.

Nesta ocasión o alcalde tivo a oportunidade de coñecer as instalacións de «Acciona Energía», unha empresa que dende o ano 2001 contribúe no desenvolvemento económico da Cañiza, grazas aos 27 postos de traballo que mantén. “Un traballo de calidade” recalca o xerente de Noroeste Gestión de Activos, Carlos Garrido.

Tamén é de destacar a contribución económica de Acciona ao canon eólico por un importe de 275.000 € ao ano, ademais dos impostos ordinarios.

En palabras do alcalde “a pesares das crises económicas que provocaron o desmantelamento de moitas empresas na Cañiza, asociadas sobre todo ao sector da construcción, aínda son moitos os postos de traballo que manteñen as empresas asentadas no polígono industrial Ribadil I e II e o Parque Empresarial Uceira”.  

“Con todo o Equipo de Goberno sigue traballando para dotar de máis chan industrial, empresarial e comercial ao noso Concello aproveitando as excelentes comunicacións terrestres e que A Cañiza é a porta de entrada á Plisan e a Vigo”.

Ésta é a mensaxe que se quere transmitir dende o Concello: “actuar como catalizador de proxectos empresariais cara a nosa contorna e cara A Cañiza, un territorio con grandes potencialidades e oportunidades industriais”.