Martes, 6 Maio de 2025

A autovía A-55 sufrirá un corte de tráfico a noite de mañá polas obras da VAC Tui-A Guarda

A Xunta segue a avanzar na execución das obras do treito da VAC Tui-A Guarda entre os enlaces da autovía A-55 e de Areas, uns traballos que farán preciso un corte de tráfico nocturno mañá xoves, día 23.

Esta afección ao tráfico, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 29+100 e 30+600 da autovía A-55, levarase a cabo desde as 22:00 horas deste xoves e ata as 06:00 horas do venres 24, cando quedará restablecida a circulación.

Neste momento estase traballando a ritmo intenso na zona e o obxectivo das actuación que obrigan a facer este corte puntual no tráfico é proceder á montaxe das vigas metálicas do paso superior en forma de glorieta sobre a autovía, para poder dar servizo aos ramais da autovía, ao tronco da VAC e á conexión coa estrada N-551.

Para a realización destes traballos en condicións de seguridade e minimizar ao máximo posible a afección ao tráfico, cómpre o corte total de ambas as calzadas da autovía.

Co obxectivo de poder dar servizo a ambos os sentidos de circulación polo itinerario alternativo, desde a saída 29, sentido Portugal, usarase a estrada autonómica PO-340, incorporándose á N-550 e posteriormente á N-551, discorrendo polo termo municipal de Tui; sendo o mesmo percorrido en sentido O Porriño, pero á inversa. Este itinerario implica un tempo de percorrido de entre 8 e 10 minutos.

A Xunta segue a avanzar nos traballos  de execución da VAC Tui- A Guarda, entre os enlaces da A-55 e Areas, que se prevé poñer en servizo a mediados deste mesmo ano, tras un investimento autonómico de 21 M€.