Martes, 6 Maio de 2025

A autovía A-55 sufrirá cortes de tráfico nocturnos entre o xoves e o venres

O avance na execución das obras do treito da VAC Tui-A Guarda entre os enlaces da autovía A-55 e de Areas fará necesario un corte de tráfico nocturno, entre o xoves e o venres desta semana.

Esta afección ao tráfico, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 29+100 e 30+600 da autovía A-55, levarase a cabo desde as 22:00 horas do xoves 23 e ata as 06:00 horas do venres 24, cando quedará restablecida a circulación.

O obxectivo é proceder á montaxe das vigas metálicas do paso superior en forma de glorieta sobre a autovía, para poder dar servizo aos ramais da autovía, ao tronco da VAC e á conexión coa estrada N-551.

Para a realización destes traballos en condicións de seguridade e minimizar ao máximo posible a afección ao tráfico, cómpre o corte total de ambas as calzadas da autovía.

Co obxectivo de poder dar servizo a ambos os sentidos de circulación polo itinerario alternativo, desde a saída 29, sentido Portugal, usarase a estrada autonómica PO-340, incorporándose á N-550 e posteriormente á N-551, discorrendo polo termo municipal de Tui; sendo o mesmo percorrido en sentido Porriño, pero á inversa. Este itinerario implica un tempo de percorrido de entre 8 e 10 minutos.

A Xunta segue a avanzar nos traballos  de execución da VAC Tui- A Guarda, entre os enlaces da A-55 e Areas, que se prevé poñer en servizo a mediados deste mesmo ano, tras un investimento autonómico de 21 M€.