12.6 C
Pontevedra
Martes, 30 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiTui prepárase para celebrar o Entroido co Desfile-Concurso e o Enterro do...

    Tui prepárase para celebrar o Entroido co Desfile-Concurso e o Enterro do Bacallau

    Tui prepárase para celebrar as festas de Entroido con dúas citas destacadas marcadas no calendario deste mes de febreiro. Serán o martes 21, festivo local, data na que se celebrará o desfile concurso de grupos e comparsas, e o domingo 26 cando co Enterro do Bacallau despedirase o Entroido deste ano.

    Mañá martes abrirá o prazo de inscrición para os grupos e comparsas que desexen participar no desfile concurso. As bases veñen publicadas hoxe no BOPPO.  A inscrición realizarase presentando o modelo de solicitude, xunto á documentación requirida, dende mañá martes, 7 de febreiro, até este xoves, 9 de febreiro, ás 14 h a través da sede electrónica do concello de Tui.

    Os grupos deberán estar formados por entre 10 e 20 persoas, mentres que as comparsas deberán ter máis de 25 persoas.  A participación limítase ás 20 primeiras comparsas inscritas e aos 5 primeiros grupos que presenten a solicitude, coa salvidade de que nunca quedará fóra de concurso nin unha comparsa nin un grupo de Tui.

    O desfile terá lugar o martes, 21 de febreiro, ás 17.30 h no circuíto establecido polas rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense e A Guarda, non podendo os participantes realizar paradas durante o percorrido.

    O xurado, integrado por doce persoas, para conceder os premios valorará o número de participantes por cada comparsa ou grupo; a actualidade da temática elixida; a interpretación e parodia de cuestións sociais, culturais ou políticas de Tui;  a calidade, orixinalidade e dificultade de elaboración do vestiario; a interpretación, a sátira e crítica realizada; o acompañamento musical con música interpretada en directo no desfile; a calidade, orixinalidade e dificultade da carroza, e no caso das comparsas de fantasía o seu vestiario e coreografía. A puntuación en cada categoría será de 0 a 6, excepto en acompañamento musical e realidade tudense que será de 0 a 3 puntos.

    No desfile concurso de Entroido outorgaranse un total de 18 premios valorados en 5.600 euros e os correspondentes trofeos en catro categorías: Xeral, Carroza, Acompañamento Musical e Fantasía.  Así na categoría Xeral os premios oscilarán entre so 700 € do primeiro e os 100€ do sétimo, en Carroza irán entre os 400 € do primeiro e os 100€ do sexto. Mentres en Acompañamento Musical haberá catro premios de 300 €, 250 €, 200 € e 150 €, e en Fantasía haberá un único premio de 250 €.

    Establécense amais fixos por participar que serán de 500 € para as comparsas con carroza e de 250 € para as que desfilen sen carroza, mentres que para grupos o fixo por participar será de 200 € para os que desfilen con carroza e de 100 € para que non teñan carroza.

    Xa o domingo, 26 de febreiro, ás 19.30 h celebrarase o Enterro do Bacallau, no que deberán participar cando menos o 50% dos integrantes dos grupos e comparsas que participen no desfile. Poderán participar tamén todas aquelas persoas que o desexen de rigoroso loito. Sairá dende a praza de San Fernando, realizando un percorrido polo centro urbano,  cun alto no Cantón de Diomedes para ler as coplas, e continuar até o aparcamento municipal, na parte traseira do edificio Francisco Sánchez, onde se procederá a queima do bacallau. As bases completas, o modelo de solicitude de participación, o mapa do percorrido e o cartel do Entroido están dispoñibles en tui.gal.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.