Martes, 6 Maio de 2025

A Cañiza subvenciona aos clubes e asociacións culturais e deportivos

O Concello da Cañiza subvencionou, con un total de 14.030 euros, ás asociacións culturais e clubes deportivos do Municipio que o solicitaron, e que presentaron toda a documentación ao abeiro da ordenanza que regula a concesión de axudas destinadas ao fomento de actividades culturais e deportivas.

Un total de 13 entidades da Cañiza que, segundo manifestou o alcalde, “son unha parte fundamental do noso entramado social porque a posta en marcha das súas actividades melloran a convivencia, contribúen ao desenvolvemento social e inclusivo de todos os nosos veciños, e no caso dos clubes deportivos, fomentan a práctica de distintas disciplinas, aproveitando o tempo libre e impulsando programas de interese para todos”.

Ademais destas axudas, dende o Concello colaboran con todas estas entidades para que poidan desenvolver gratuitamente as súas actividades nos centros e instalacións municipais sen pagar ningunha taxa polo uso dos mesmos.

O alcalde da vila, Luis Piña, tamén avanzou que nos vindeiros meses sairán publicadas novamente as axudas correspondentes á anualidade 2023, nos prazos que establece a ordenanza vixente e que dispón que a presentación de solicitudes exténdese dende a publicación no BOP, entre os meses de marzo e abril ata o 30 de xuño.

Nun exercizo de transparencia, o Concello publica as subvencións concedidas ás asociacións culturais e clubes deportivos da Cañiza, abonadas a finais de 2022.

  • ANPA O CHUSQUIÑO – VALEIXE: 300 €
  • ASOCIACIÓN CULTURAL SANTA CRISTINA DE VALEIXE: 1200 €
  • ASOCIACION CULTURAL ASCULCA: 300 €
  • ASOCIACION DEPORTIVA VALEIXE FS: 250 €
  • ASOCIACIÓN FURAFOLLAS: 500 €
  • ASOCIACION PENSIONISTAS Y JUBILADOS STA. TERESA: 1200 €
  • ASOCIACIÓN REVIRAVOLTAS: 500 €
  • ASOCIACIÓN SOBRE RODAS: 500 €
  • CLUB DE FUTBOL CAÑIZA: 5.000 €
  • CORAL POLIFÓNICA DE A CAÑIZA: 2.880 €
  • GRUPETTA PAN DE ZARKO: 500 €
  • MOTOCLUB TUMBADA ÁS 4:  400 €
  • SOCIEDADE DE CAZA A CAÑIZA: 500 €