Xoves, 15 Maio de 2025

Tomiño convértese na capital da lusofonía

O evento foi organizado pola Deputación de Pontevedra, o Igadi, o Concello de Tomiño e o AECT Rio Minho

A vila de Goián en Tomiño, dende o seu ‘Centro Goianés’, converteuse por unhas horas na ‘capital’ da lusofonía en todo o mundo grazas á celebración da gala ‘A República dos Sonhos’ e co lema ‘Non somos o mesmo país, pero non somos estranxeiros’.

O evento, organizado pola Deputación de Pontevedra e o Igadi e a colaboración do Concello de Tomiño e o AECT Rio Minho, reuniu de maneira presencial r telemática a persoas de Galicia, Portugal, Cabo Verde, São Tomé de Príncipe e o Brasil para celebrar a súa irmandade e as potencialidades dos pobos de fala lusófona, a súa cercanía cultural, patrimonial e social dende un espazo transfronteirizo como o Miño, no que a veciñanza galega e lusa fan vida común. De facto, foi tamén unha homenaxe á escritora Nélida Piñón, que ía tomar parte do acto e axudou a levalo adiante, mais faleceu recentemente.

A presentadora do programa ‘Dígocho eu!’ da TVG, Esther Estévez, foi a responsable de conducir a gala, que contou coa participación musical de Uxía, quen interpretou varias pezas coa lusofonía como nexo. Na parte institucional foron entrevistadas a presidenta da Deputación Carmela Silva, o deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Uxío Benítez, a alcaldesa de Tomiño Sandra González e o presidente de cámara de Vila Nova de Cerveira Rui Teixeira, mentres que na parte cultural, social e económica participaron presencialmente o historiador Ramón Villares, o xornalista Julián Rodríguez, a investigadora e filóloga Helena Pousa, o ex correspondente da TVG en Porto Carlos Portas e o director da editorial Laiovento , Alfonso Ribas, persoa cercana a Nélida Piñón.

A gala comezou coa intervención da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, quen fixo de anfitrioa e salientou que Tomiño e a súa veciñanza é “terra e pobo da lusofonía, fronteira e ventana cara o mundo” pola súa vinculación de sempre con Portugal, pero tamén máis alá do mar, co Brasil. Subliñou a súa esperanza en que a gala “sexa o primeiro dunha serie de eventos que poñan Tomiño no centro por ser “en esencia” territorio transfronteirizo. Destacou tamén que a lusofonía é unha “ponte para o galego porque o abre cara o resto do mundo” xa que a lingua “que nos identifica como país é a expresión mais humana e o galego ponos en contacto con millóns de persoas”. Tomou despois a palabra o presidente de Cámara Rui Teixeira, que falou da boa relación entre ambos concellos e como comparten servizos ao terse constituído como eurocidade.

Seguiu no programa o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, quen recibiu a sorpresa da xornada grazas a unha conexión en directo coa súa familia do Brasil, o que puxo de manifesto a grande unión que existe a día de hoxe entre Tomiño e o país brasileiro. Logo dun momento de grande emoción, Benítez lembrou que a relación vén de lonxe, xa que o Centro Goianés construíuse grazas a que a veciñanza da zona quería dinamizar o lugar e conseguiu levantar o edificio a principios do século XX con, entre outros, fondos chegados de Santos e Sao Paulo, sendo rehabilitado a mediados dese século outra vez con cartos indianos do Brasil e tamén con achegas de emigrantes en Nova Iorque.

Xa no máis próximo, Benítez quixo destacar o importante nexo que existe no territorio da fronteira do Miño, que sinalou como a máis dinámica de toda a Península Ibérica tanto dende o punto de vista económico e social como cultural. Subliñou que tanto dende o AECT como dende a Deputación se están a desenvolver programas para aproveitar as potencialidades de maneira conxunta tanto dende o punto de vista turístico como social, económico e cultural.

Reinventar o territorio

Como broche final, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, puxo de relevo na súa intervención na gala o forte vínculo e unión entre os pobos transfronteirizos do sur da provincia de Pontevedra e o norte de Portugal “que sempre foi moito máis aló do xeográfico”. “Somos, como se di nesta gala, pobos diferentes pero irmáns, como amosou a gran Nélida Piñón a quen hoxe lembramos. Temos linguas irmás e temos compartido vida –subliñou-. Vivimos nun espazo común onde non nos separa unha fronteira, senón que precisamente nos atopamos no lugar de maior acercamento entre estas dúas culturas. As e os habitantes das dúas beiras do río témonos relacionado con afectos, con relacións comerciais… Sempre por riba de calquera división administrativa ou política. As persoas primeiro. Ese é tamén o noso lema”.

“Estamos máis preto que nunca e impulsamos proxectos que seguen a reafirmar esa unión e cos que queremos seguir a potenciar o noso territorio”, subliñou, tras lembrar tamén que na recente feira de Fitur en Madrid os Gobernos español e luso teñen presentado a nova Estratexia de Turismo Sostible Transfronteirizo España-Portugal.