Domingo, 4 Maio de 2025

A Cañiza rehabilita os vestiarios do pavillón municipal

A Cañiza está a reformar os vestiarios do pavillón municipal do Carballo do Marco. Unha obra subvencionada ao 100 % polo Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra, cun investimento de 48.763,70 € nos que están incluidos os costes de execución da obra (46.054,60 €) e de redacción do proxecto ( 2.709,10 €).

Luis Piña visitou esta semana as obras desta II fase de reforma da instalación deportiva, acompañado polos técnicos da empresa que lle amosaron ao rexedor os avances na rehabilitación e tamén a necesidade de subsanar con urxencia esta zona da instalación que presentaba importantes deterioros estructurais e desperfectos acumulados durante 4 décadas.

A reforma inclúe a renovación das instalacións de electricidade e fontanería. Novos revestimentos nas paredes da zona de duchas e grifería. Pintado das paredes con pinturas resistentes á humidade e antimofo. Colocación de novo pavimento vinílico antiescorregadizo no chan dos vestiarios e do corredor de acceso. Sustitución do falso teito  de madeira por aluminio e  reparación das paredes dos corredores.

Para o alcalde “o Concello tiña unha débeda con esta instalación deportiva, construida no ano 1983 e que actualmente é unha das máis utilizadas polos clubes da Cañiza, onde se desenvolven diariamente varias actividades e disputan importantes encontros e competicións deportivas”.