Domingo, 4 Maio de 2025

O Porriño licita o desbroce e limpeza das parroquias

Por primeira vez inclúe o reperfilado de cunetas

O Concello do Porriño vén de sacar a licitación o contrato de desbroces, limpeza e reperfilado de beiravías de todas as parroquias do municipio. Este servizo víñase prestando con contratacións puntuais que non permitían a correcta prestación do servizo e, durante anos se fixo sen contrato nin fiscalización algunha, o que foi obxecto de apertura de causa xudicial que a día de hoxe permanece en fase de instrucción.

Ata este momento, tan só o centro urbano e os polígonos residenciais de Torneiros tiñan o servizo contratado, polo que no resto do termo municipal era imposible manter as zonas rurais en bo estado.

O contrato dará cobertura á roza e limpeza de maleza en camiños municipais, corte de todo tipo de vexetación, poda de árbore ata unha altura máxima de 3 metros e limpeza de caños, arquetas etc, entre outros.

A duración do servizo a licitar é de 2 anos prorrogable 2 máis e conta cun orzamento total para os 4 anos de 1. 335.446 euros.

“Ata o de agora este servizo non estaba a prestarse correctamente”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Ao non estar regularizado ou se contrataba a maiores ou se executaba con persoal municipal, algo que resulta insuficiente dada a extensión rural do Porriño e a necesidade de limpar de manera continuada para manter estas zonas en boas condicións”.  O rexedor concluíu afirmando que “a regularización de toda a contratación do Concello é un traballo complexo e duro,  pero tal e como defendín sempre, é esencial para poder prestar ben os servizos aos que a cidadanía ten dereito e tamén para garantizar a correcta utilización dos fondos públicos”.