Luns, 5 Maio de 2025

A Deputación aborda a segunda fase da transformación integral da EP-3303 Tabagón-Goián no Rosal

A Xunta de Goberno da Deputación vén de aprobar o proxecto da segunda fase das obras que transformarán por completo a EP-3303 Tabagón-Goián ao abeiro do modelo provincial de mobilidade amable e sostible “que permite gañar espazo para as persoas”, como destacou a presidenta Carmela Silva. En concreto, nesta mellora da mobilidade peonil que abarcará 1,8 quilómetros do total de 4,5 que ten a estrada, investirase un orzamento de 795.872 €. Os traballos financiaranse a través dun convenio entre a institución provincial, que aportará o 80% do presuposto (636.697 euros) e o Concello do Rosal 20 % (159.174 euros). Terán un prazo execución de 10 meses.

Nesta segunda fase actuarase no treito que vai dende o pq 1+795 ata o pq 3+600 e contémplase a execución dunha senda peonil na marxe dereita da estrada para garantir a seguridade das persoas, do punto 1+795 ao 2+200 e do 2+300 ao 3+600. Na marxe esquerda habilitarase unha beiravía de ancho mínimo de 0,50 metros, que se completará ata as fachadas e peches existentes cunha cuberta transitable de formigón. Amais, na zona da Igrexa de San Bartolomeu de Eiras haberá unha zona de convivencia sobreelevada con prioridade peonil (entre os puntos quilométricos 2+200 e o 2+300). Tamén se renovarán as capas de rodaxe e de pavimento de formigón con bandas de pedra na zona de convivencia con redutores de velocidade e pasos sobreelevados. Ademais, executarase a rede soterrada de recollida de augas pluviais, con cunetas transitables, e a de alumeado, con arquetas para a futura colocación de farois.

Na primeira fase, xa rematada, actuouse nun treito de 1,7 quilómetros, cun investimento superior aos 650.000 euros, dos que 472.623 € (o 73 % do custe total) conseguiu financiamento procedente do Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE) no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020. O resto do custe foi asumido pola Deputación e o Concello.