Xoves, 15 Maio de 2025

Arbo incentiva a compra no mercado coa campaña “O noso Mercado tamén en Nadal”

O Concello de Arbo inicia unha campaña de apoio ao comercio local para a próxima campaña de Nadal. “O noso Mercado tamén en Nadal” celebrarase desde o 16 de novembro e ata o 16 de decembro.

Os establecementos da Praza do Mercado, por cada 15 euros de compra, darán un número para o sorteo de tres cestas. A iniciativa foi posta en marcha polo Concello de Arbo que quere dar difusión ao valor da compra de proximidade fomentando a colaboración entre os comerciantes e a administración pública.

Segundo destaca o alcalde da localidade, Horacio Gil, decidiron poñer en marcha esta iniciativa para tamén en Nadal, dado o éxito cultivado no mes de maio, con este sorteo.

Mercar na Praza de Abastos de Arbo, é garantía de calidade, bo servizo e atención personalizada así como garantía de boa compra, fomentando o consumo de produtos galegos e ofrecendo a variedade de carnes, lácteos, froitas, verduras, pescados, mariscos, hortalizas…que require unha dieta equilibrada e saudable. Xuntan tradición e modernidade, adáptanse ás demandas dos seus clientes, ofertan os mellores prezos en produtos frescos de alimentación e incorporan cada día novos servizos complementarios e personalizados.

O sorteo terá lugar o 17 de decembro na Praza do Mercado.