Domingo, 4 Maio de 2025

Ponteareas renovará dous vieiros no parque forestal da Picaraña

O Concello de Ponteareas mantén a súa aposta por mellorar a rede municipal de estradas e vieiros en toda a vila. Nese camiño, a Concellaría de Vías e Obras vai comezar a renovación de dous vieiros no parque forestal da Picaraña, onde se realizará a pavimentación nas dúas pistas de acceso dende o barrio de Canedo e As Cachadas ata a confluencia co acceso dende a parroquia de Arcos. “A súa proximidade ao parque da Picaraña e ao centro urbano fai que estas sexan unhas pistas moi transitadas tanto a pé como en vehículo, polo que é fundamental acometer a súa renovación”, explica a concelleira, Chus Garrote.

Xa coa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio, as obras comezarán coa limpeza de marxes e apertura de cunetas ao longo de case 2,4 km para despois pavimentar ambos os case 11.000 metros cadrados de superficie de ambos os dous camiños.

O Concello de Ponteareas vén de sacar estes traballos de mellora a licitación por máis de 118.000 euros, que serán financiados ao abeiro do Plan Concellos 2022-2023 da Deputación de Pontevedra. As empresas e persoas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 28 de outubro ás 14.00 horas.

Estas obras de mellora forman parte do proxecto do Goberno local para renovar o gran número de estradas coas que conta Ponteareas, dada a gran superficie da vila. “Manter en perfecto estado ese elevado numero de vieiros é complicado, polo que son necesarios levar a cabo todos estes traballos de reparación que nos permitan rexeneralos e mellorar as nosas infraestruturas e o servizo ofrecido á veciñanza”, salienta Garrote.