Sábado, 3 Maio de 2025

A final da XXVII Liga Galega de Fútbol Sala chega a Redondela

A terceira e última xornada da liga Galega de Fútbol Sala para persoas con discapacidade intelectual tivo lugar onte 5 de outubro nas instalacións do pavillón municipal e no pavillón ‘A Marisma’ de Redondela. Unha cita que enfrentou a 11 equipos de toda Galicia, cun total de 120 deportistas que competiron en 2 categorías: competición e adaptada.

Entre os integrantes da competición atopábanse a Fundación Celta Integrada, o equipo San Rafael, Juan XXIII e ASDAN; este último representado a Redondela. Por outra banda, na competición adaptada xogaron os equipos ASPANAEX, Juan María, Fundación Celta Integra “A”, Fundación Celta Integra “B”,  Saladino Cortizo “A”, Saladino Cortizo “B” e San Rafael.

Ao evento deportivo acudiu a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, para apoiar e agradecer o traballo que fai a Federación Galega de Deporte Adaptado. En palabras da alcaldesa “a federación realiza un gran traballo e pon o punto de atención sobre o deporte adaptado organizando disputas de alto nivel. Este tipo de encontros demostran o valor dos deportistas galegos”.

Durante o evento atopábanse a secretaria da federación, Susana García, e o director técnico da Federación, Domingo Salinas, quen lembrou que “despois do parón provocado pola pandemia, este ano 2022 retomamos aos poucos as actividades que vimos desenvolvendo cada ano. Desde a Federación estamos moi agradecidos á total colaboración do Concello de Redondela sempre que solicitamos facer calquera evento de deporte adaptado”.

Susana García tamén quixo “agradecer a extraordinaria disposición do Concello de Redondela á hora de acoller esta final. Sempre nos sentimos ben arroupados cando organizamos partidos en Redondela”.

María Castro, concelleira de Economía e Emprego, xunto con Olga García, concelleira de Ensino e Xuventude, foron as encargadas de repatir os trofeos aos gañadores. No ‘Cadro de Honor’ os gañadores foron o equipo redondelán ASDAN na categoría de competición non adaptada, seguido do Celta Integra; na categoría adaptada o gañador foi o equipo Celta Integra “A”, seguido do Juan María.

Digna Rivas, pola súa banda, agradeceu á Federación que elixira Redondela engadindo que “a Federación Galega de Deporte adaptado pode contar con Redondela para todos cantos eventos deportivos queiran realizar”.