O Castelo de Sobroso acollerá o xoves 8 de setembro, ás 19.00h, unha nova sesión do programa “Música no Ar” que a Deputación ten en marcha co obxectivo de levar a música clásica a espazos patrimoniais da provincia como pazos, mosteiros, igrexas, bens de patrimonio industrial, conxuntos etnográficos e espazos protexidos cheos de maxia e historia. Aínda que a entrada é libre ata completar aforo, as persoas interesadas en acudir a esta cita deben inscribirse previamente no enderezo electrónico [email protected].
O encargado de conducir a velada será o Cuarteto de corda da VO430 composto por Mario Peris (violín l), Irene Cebada (violín ll), Javier Escobar (viola) e Isabel Figueroa (violonchelo) xunto con Raúl Reyes ao clarinete. Xuntos forman a sección de música de cámara da Orquesta de Vigo 430, a súa ampla formación orquestral outorgoulles a denominación Ensemble Vigo 430. Isto permítelles que creen variedade de agrupacións abordando repertorios e instrumentos de todo tipo. Nesta ocasión, Ensemble Vigo 430 adoptará a formación de cuarteto de corda para ofrecer a Op. 20 en Fa menor de Haydn e a de Quinteto con clarinete k.581 en La maior de Mozart.
“Música no Ar”, enmarcado no amplo programa da Deputación de Pontevedra, “Con-Fiando Cultura” ten como meta promover e garantir o acceso igualitario á cultura para todos e todas, amais de por en valor espazos da memoria, da arte e da identidade .