Martes, 13 Maio de 2025

Clausurados os obradoiros de emprego ‘Redondela Máis que Bela II’ e ‘Redondela TIC II’

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, asistiu aos actos de clausura dos dous obradoiros de emprego Redondela Máis que Bela II e Redondela TIC II, que permitiron que preto de 50 persoas en situación de desemprego acadasen unha adecuada cualificación profesional a través dunha iniciativa que combina as clases teóricas con traballos prácticos que redundan en beneficio da cidadanía.

Rivas destacou a importancia destas iniciativas “que facilitan ás e aos participantes as ferramentas precisas para poder entrar, con garantías, nun mercado laboral cada día máis especializado e competitivo”. A alcaldesa de Redondela amosou a súa confianza na preparación das persoas participantes “demostrada cos traballos realizados e que deixan patente, non só a vosa capacidade de traballo e a a boa preparación recibida, senón tamén as boas directrices tanto das e dos directores dos obradoiros coma de todo o persoal docente do mesmo”.

O Obradoiro Redondela Máis que Bela II, contaba don dúas especialidades: Carpintería e vernizado e Forestal e Xardinería.

O alumnado do módulo de Carpintería e Vernizado, amais das correspondentes clases teóricas, desenvolveu traballos prácticos que se plasmaron na instalación de tarima vinílica no Centro Cultural de Saxamonde; restauración e vernizado de tres portas exteriores, instalación de sete portas interiores, elaboración e instalación dun armario empotrado con divisións interiores e instalación de tarima vinílica.no Centro Cultural do Viso; elaboración de mesa e bancos corridos para exterior en A Coutada (Quintela); e elaboración de tres papeleiras e tres bancos na rúa Cruceiro, treito do Camiño de Santiago.

Pola súa banda o alumnado do módulo de Forestal e Xardinería procedeu ao rozado e acondicionamento de fincas na Coutada e Vía Vella, axardinamento do talude do Campo do Fútbol do Viso e traballos na finca e horta ecolóxicaPousadouro con 15 entregas de produtos a Cáritas Redondela.

No que atinxe ao Redondela TIC II, para persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, recibiron formación a un total de 16 traballadores/as, repartidos nas especialidades de albañelería e deseño web.

Na especialidade de Albanelería levaron a cabo obras nas casas culturais do Viso e Saxamonde, multiúsos Piñeiral do Crego de Chapela, obradoiro de carpintería do centro de Formación de Posadouro, e finca da Coutada en Quintela.

Na especialidade de Deseño Web e Gráfico creouse unha páxina web de medioambiente para a xestión integral dos residuos, realizouse diverso material gráfico multimedia para educar e concienciar na reciclaxe e tratamento adecuado de residuos e desenvolvéronse programas de educación ambiental .