Domingo, 4 Maio de 2025

“La Bombonera” luce un inmellorable aspecto logo das obras de remodelación da pista

Un pavimento deportivo aerea-elástico con acabado e madeira de faia, especialmente indicado para balonmán e fútbol sala, substitúe a un piso moi deteriorado polo paso do tempo e o seu uso continuado

O Pavillón Polideportivo Municipal ‘As Marismas’, coñecido popularmente como La Bombonera, luce xa un aspecto inmellorable logo das obras de remodelación de que foi obxecto a única pista desta instalación deportiva e na que o Concello, a través da Concellería de Deportes que dirixe Nacho González, investiu 66 561,59 euros (IVE incluído).

O piso de La Bombonera, de aproximadamente 1000 metros cadrados, moi deteriorado polo paso do tempo e o uso continuado, foi substituído por un pavimento deportivo aerea-elástico con acabado en madeira de faia. Este tipo de piso, explica a alcaldesa Digna Rivas, “foi elixido entre outros por tratarse dun pavimento específico para os lugares nos que se practica o balonmán ou o fútbol sala que son as dúas principais modalidades que se desenvolven neste pavillón”.

A maiores, este tipo de piso tamén está especialmente recomendado para outras modalidades deportivas como o baloncesto, voleibol e bádminton.

As obras consistiron no estendido dunha subbase de espuma de poliuretano flexible de 15 mm e unha barreira antihumidade a base de lámina de polietileno sobre a que se colocou unha capa de listóns de contrachapado fenolico de 12 mm. Por último, sobre ela púxose unha capa de madeira de faia con acabado de barniz de Bona UV sportive específico para o uso deportivo.