Ponteareas contará con representación na nos XIV Xogos do Eixo Atlántico, que se celebrará durante toda esta semana na cidade portuguesa de Maia. Dende este mesmo luns ata o vindeiro 8 de xullo, máis de 2400 participantes reuniranse para disputar este evento deportivo transfronteirizo que retoma a normalidade tras a pandemia.
A delegación ponteareá, composta por dez nadadores e nadadoras do CN Ponteareas acompañados de técnicos, participarán este luns na xornada inaugural desta edición e competirán este martes 5 nas categorías de natación e natación adaptada. Como é habitual nesta cita, esta edición integra modalidades de deporte adaptado que contarán coa participación de 200 persoas e coas que se busca eliminar barreiras e fomentar a participación deportiva de toda a mocidade.
O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, despediu onte ao grupo de participantes ponteareáns, aos que lles desexou “moita sorte durante a competición”, pero tamén que “gozaran dos bos momentos deportivos que van experimentar e da convivencia con outras e outros deportistas dos municipios galegos e lusos que integran o Eixo Atlántico”.
Con récord de participación, nesta nova edición estarán representadas 28 cidades do Eixo Atlántico: ademais de Ponteareas, competirán deportistas de Lugo, Ourense, Carballo, O Barco de Valdeorras, Pontevedra, Monforte de Lemos, Vilagarcía de Arousa, A Coruña, Sarria, Santiago de Compostela, Vigo, Maia, Matosinhos, Gondomar, Bragança, Famalicão, Vila Nova de Gaia, Vila Real, Peso da Régua, Valongo, Braga, Barcelos, Viana do Castelo, Santa María da Feira, Amarante, Guimarães e Póvoa do Varzim.
Dende a súa orixe en 1995, con esta competición o Eixo Atlántico procura promocionar o deporte, a convivencia entre a mocidade e, tamén, un mellor coñecemento entre a cidadanía das dúas rexións. Os Xogos organízanse cada dous anos e constitúen un evento deportivo transfronteirizo único en Europa.