11.9 C
Pontevedra
Martes, 30 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoMondarizMondariz mellora e amplía as instalacións de lecer para a mocidade

    Mondariz mellora e amplía as instalacións de lecer para a mocidade

    As obras de mellora no parque infantil de Mondariz –situado no Monte da Ovella, xunto á biblioteca pública municipal– xa foron licitadas e comezarán estes días. Esta é unha actuación financiada pola Deputación de Pontevedra, dentro do Plan Concellos 2021, que leva tempo na axenda do Goberno municipal de Mondariz. Está previsto que se cambie o chan e se renove o mobiliario para dar maior seguridade a estas instalacións.

    Unhas instalacións xa ampliadas en 2021

    Estas obras de mellora no parque infantil veñen a complementar actuacións anteriores impulsadas polo Goberno municipal para modernizar as instalacións. No ano 2021, sen ir máis lonxe, levantouse unha ampliación cuberta do parque infantil valorada en case 50.000 euros, con fondos da Deputación de Pontevedra, dentro do Plan Concellos 2020, e da Xunta de Galicia.

    Construción de infraestruturas para a mocidade

    Nas proximidades do Monte da Ovella, así mesmo, o Goberno municipal está promovendo a construción dun novidoso Centro de Ocio e Deporte Urbano no Campo da Minada, situado ao lado do CPI de Mondariz e moi ben conectado coas principais praias fluviais da localidade.

    O ano pasado, aproveitando a financiación do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra, levantouse un circuíto asfaltado de pump track sobre un decrépito campo de fútbol construído hai anos que estaba en desuso por non cumprir as medidas regulamentarias para competición. O ambicioso proxecto de construír un Centro de Ocio e Deporte Urbano no Campo da Minada –con pistas multideportivas, circuíto de calistenia e pequeno rocódromo para unha iniciación na escalada de bloques que complementan o xa construído circuíto asfaltado de pump track–, poderá executarse este ano, dentro do plan Reacciona Pontevedra (ReacPon), que financiará as obras con 392.079 euros, o 90% do orzamento previsto.

    “Estas obras, cando se executan, son o resultado de meses e mesmo anos de traballo político e administrativo. Detrás hai ideas e proxectos que buscan mellorar a calidade de vida da poboación, así como múltiples xestións para acadar os recursos necesarios. Este Goberno municipal tiña claro desde o principio do seu mandato que había que realizar investimentos para mellorar as infraestruturas, e así contribuír a fixar poboación e atraer visitantes”, sinala Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.

    A Deputación de Pontevedra ten aplaudido estas iniciativas municipais. Sobre o Centro de Ocio e Deporte Urbano, durante a sinatura do convenio correspondente no marco do plan ReacPon, a presidenta da institución comentou que ten a capacidade de xerar “atracción e actividade económica” para toda a contorna. “Estamos diante dun proxecto que é un gran acerto, porque cumpre moitos obxectivos”, dixo naquel momento.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.