O Goberno municipal de Redondela que preside a socialista Digna Rivas lamentou “habitual dinámica do PP local de terxiversar as informacións coa clara intención de confundir e enganar á cidadanía” ao afirmar que o Concello perdera unha subvención de 18.000 euros para a contratación de socorristas e “delegue” esa función nunha empresa privada.
“O PP, como sempre, di o que lle interesa e cala o que non lle convén” afirma a alcaldesa redondelá quen explica que a subvención “non é so para seguridade nas praias (socorristas) senón, tal e como figura textualmente na convocatoria da Xunta de Galicia publicada no DOG para iniciativas “de fomento do emprego e mellora da empregabilidade”.
Engade a alcaldesa de Redondela que o Goberno optou por contratar cunha empresa o servizo de seguridade das praias para cubrir tan só o período estival “optando por solicitar a subvención para técnicos/as en promoción turística con contratos de seis meses que, amais de permitir o desenvolvemento de políticas de dinamización turística, ofrecen unha maior estabilidade laboral as persoas contratadas e que, por tanto, axústase aínda máis ao obxectivo de fomento do emprego e mellora da empregabilidade ao que fai referencia o propio Goberno autónomo”.
Lembra a alcaldesa de Redondela que “o fomento da empregabilidade é unha das prioridades deste Goberno” que este ano, por primeira vez, contratará o servizo de limpeza das praias do municipio durante a tempada de verán 2022 a través de Centros Especiais de Emprego de Iniciativa Social e Empresas de Inserción nun claro intento, argumenta Digna Rivas “de contribuír activamente ás políticas de contratación pública inclusiva”.
O máis lamentable, afirma o Goberno redondelán, “é que a suposta denegación desta subvención siga sen ter resposta oficial por parte da Xunta quen, unha vez máis, ao Concello que é o representante lexítimo de todas e todos os veciños sen ningún tipo de distinción”.
No seu afán por desgastar ao Goberno caen os populares en flagrantes contradicións cando, por exemplo, aseguran que opta o Concello pola privatización do servizo de socorristas “delegando” nunha empresa ese cometido cando o PP, durante oito anos “delegaba” en empresas servizos básicos como o de rozado e limpeza de camiños e “tivo que ser o Goberno socialista o que preferiu que ese traballo o realizasen persoas desempregadas do municipio” apunta a alcaldesa Digna Rivas.
“Faría ben o PP preguntando aos seus compañeiros de partido en Santiago os motivos que levan a un Goberno, que se supón que é para todos e todas as galegas, a denegar sistemáticamente toda canta subvención se solicita dende o Concello de Redondela” asegura a rexedora local quen lembra que “buscar a rendibilidade política a través de manobras que prexudican a todas e todos os veciños é unha triste maneira de facer política”.