Domingo, 4 Maio de 2025

Arbo lanza a campaña “Visita o Museo Arabo e Gaña” para promocionar o turismo

O Concello de Arbo, seguindo coa súa folla de ruta na promoción dos recursos turísticos, gastronomía, adegas, os viños, a historia, a Festa da Lamprea, lanza a campaña “Visita o Museo Arabo e Gaña”.

O Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea Arabo é unha exposición permanente promovida polo Concello de Arbo orientada á posta en valor do patrimonio cultural, etnográfico e   enogastronómico do municipio   arbense. O eixo temático da exposición vertébrase en dous focos principais: a   lamprea –un importante recurso natural, cultural e gastronómico do municipio – e o viño do Condado, pertencente a D.O. Rías Baixas. A exposición tamén fai unha aproximación á historia de Arbo, os seus principais atractivos turísticos e a historia da Festa da Lamprea .

Os destinos rurais reveláronse como os máis atractivos tras o estalido da pandemia. Para os turistas que buscaron viaxar, descansar e relaxarse os espazos rurais han suposto unha gran alternativa que levou a que  actividade turística e a promoción realizada dende o Concello, tivese un forte impacto en Arbo, como destino elixido polos turistas – informa o rexedor Horacio Gil

Con tal  motivo e para seguir promocionando Arbo e os seus recursos e ofrecer actividades ao turista a partires do 15 de maio os visitantes o Centro de Interpretación do Viño e a Lamprea “Museo Arabo”, o remate da visita recibirán un cupón para participar no sorteo de diferentes lotes de viño e licores das adegas de Arbo.

 No Museo Arabo, poderán coñecer Arbo, a atraves dos paneis e  completar o contido dos  sete vídeos editados en galego,  ingles e castelán cunha duración de pouco máis dun minuto.

Para máis información e reserva no teléfono 670 38 52 72