Sábado, 3 Maio de 2025

O CN Ponteareas proclámase campión galego da División de Honra por primeira vez na súa historia

O pasado sábado, 7 de maio, tivo lugar a final da liga galega de clubs de natación na máxima categoría, a división de honra.

A sede elixida para o desenlace desta competición, que premia a partes iguais os resultados e a regularidade, foi a piscina Rosario Dueñas, cunha lámina de auga de 50 metros, en Ourense.

Tres clubs disputábanse o prestixioso galardón de ser campión, os anfitrións do CN Pabellón Ourense, xunto aos equipos do CN Portamiñá (Lugo) e o CN Ponteareas.

Nadadores e nadadoras chegaban á primeira das dúas sesións, a de mañá, con rostros de seriedade e concentración, coñecedores de que os tres equipos loitarían polo título coas súas mellores armas. Ao remate da mesma, o CN Ponteareas encabezaba a clasificación cunha pequeña avantaxe sobre o CN Portamiñá, coa que afrontaba as probas da tarde.

 Mantendo a emoción ata o final, coa presencia dun ruidoso público que animaba dende a grada, o club do condado foi quen de manter a distancia e – cunha axustada clasificación final – proclamarse, por vez primeira na súa historia, campión galego da división de honra. A segunda posición foi para o CN Portamiñá e a terceira para o CN Pabellón.

Segundo recoñecía o seu director técnico e presidente, Andrés Carrera, “ser campións da máxima categoría era un fito difícil de imaxinar hai tan só uns anos, así que facelo realidade é unha inmensa ledicia” engadindo ademáis que “este resultado pon de manifesto que estamos a traballar na dirección correcta”. Andres quixo extender a felicitación a todos os nadadores e nadadoras que fixeron posible o resultado, así como a técnicos, familiares, instituciones  e patrocinadores.

O CN Ponteareas fíxose co título fronte a clubs de capitais de provincia, como subliñaba o seu adestrador, “ acadar este título dende unha vila fai aínda máis meritorio este campionato”.

Logo da celebración, o club afronta diversos e importantes compromisos, entre os que destacan a organización de diversas probas oficiais este verán, tanto na piscina do Complexo deportivo Álvaro Pino – o Campionato galego máster-  como no río Tea – con probas do Circuito Galego e a Copa de España de augas abertas- que presentarán en vindeiras datas.

A actividade non para dende o punto de vista deportivo, con adestramentos e competicións, pero tampouco a nivel institucional, coa aposta decidida pola celebración de competicións en Ponteareas, creando sinerxias entre o deporte e o sector do turismo, comercio e hostalería locais.

Dende a directiva do club manifestan que “manter este nivel é moi complexo, a nivel económico atravesamos nestes dous últimos anos a situación máis delicada da nosa traxectoria, comprometendo a nosa existencia”. Contar co respaldo das institucións é fundamental, pero tamén e vital facelo co soporte de patrocinadores privados, e os eventos deportivos organizados na vila do Tea xeran un impacto económico directo ademáis de ser o mellor espello publicitario para as empresas e comercios.