Domingo, 4 Maio de 2025

O Centro Cultural Os Muíños de Oliveira, novo escenario do obradoiro de xoguetes e xogos de refugallo

O Concello puxo en marcha un ciclo de talleres para nenos e nenas de 5 a 10 anos que percorrerá as parroquias

Ponteareas gozará a vindeira semana dun novo obradoiro de xoguetes e xogos de refugallo, un ciclo de talleres por distintos centros culturais do municipio co que o Concello continúa levando actividades de lecer ás 24 parroquias da vila. A nova xornada deste taller terá lugar o vindeiro martes 10 de maio no Centro Cultural Os Muíños de Oliveira, no que nenos e nenas de 5 a 10 anos traballarán con materiais de reboutallo para realizar diferentes xoguetes de 16.00 a 17.30 horas.

O obxectivo destes obradoiros é, ademais de encher as parroquias de actividade, “facilitar un espazo de entretemento para nenos e nenas e fomentar e estimular neles e nelas a creatividade co uso de restos que xa non se aproveita e  que ían rematar no lixo, o que nos permite sensibilizar ás novas xeracións dun xeito divertido sobre a importancia de darlle unha segunda vida aos obxectos e de reducir o que desbotamos”, salienta o concelleiro de Cultura, Fernando Groba. Esta actividade percorrerá tamén entre maio e xuño os centros culturais de Bugarín, San Mateo, Areas, Prado e Angoares.

A actividade do vindeiro día 10, de balde, contará con prazas limitadas a un máximo de 15 participantes. As persoas interesadas poderán facer a reserva de praza no propio centro cultural Os Muíños de Oliveira.