Sábado, 3 Maio de 2025

Comezan os obradoiros ‘Camiño da Lingua’ dirixidos ao estudantado de primaria de Redondela

Dende o luns, 2 de maio e até o vindeiro día 12 de maio, alumnos e alumnas de primaria dos colexios de Redondela, participan nos obradoiros ‘Camiños da Lingua’, unha iniciativa posta en marcha pola Concellería de Normalización Lingüística, que xestiona a alcaldesa Digna Rivas, e dentro das actividades encamiñadas a celebrar o 17 de maio, Día das Letras Galegas.

Un xogo arredor da lingua

‘Camiños da Lingua’ leva aos cursos de primaria unha actividade didáctica, lúdica e participativa concibida como “un xogo a través da lingua” e a través do que búscase que nenos e nenas aprendan distintos aspectos relacionados coa lingua –como poden ser vocabulario, refráns, cantigas…– pero que tamén lles permita coñecer a historia da cultura e da sociedade galega en xeral e da de Redondela en particular.

Serán, en total, 16 obradoiros nos que participarán os colexios de primaria de Quintela, Laredo, Cedeira, Porto Cabeiro, Alexandre Bóveda, Reboreda e Santa Mariña.

“É importante que as nosas nenas e nenos coñezan non só o idioma que nos é propio e que nos identifica como pobo, senón tamén a cultura e a historia de Galicia e Redondela que forman parte da nosa propia identidade”, afirma a alcaldesa Digna Rivas para que, “o único xeito de conservar o noso idioma e mantelo vivo a través do tempo, é que as e os máis pequenos o coñezan e o utilicen”.