Sábado, 10 Maio de 2025

O Centro Integrado da Granxa de Ponteareas acolle a campaña do Issga sobre o seguro do tractor

Trátase de formar aos profesionais do futuro no uso seguro destes vehículos

A Consellería de Emprego e Igualdade, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), está a desenvolver actividades formativas en centros de Formación Profesional das catro provincias galegas para concienciar sobre o uso seguro do tractor. O Centro Integrado de Formación Profesional A Granxa de Ponteareas aollerá hoxe a actividade que ten como obxectivo dar a coñecer entre o alumnado as principais medidas de prevención, así como trasladar a necesidade de adoitar as precaucións necesarias. A formación impartirase en tres partes que se celebrarán de 9:30 horas a 11:30 horas, de 12:00 a 14:00 horas e das 17:00 ás 19:00 horas.

A campaña parte da idea de sensibilizar desde a base, aos futuros profesionais das explotacións, sobre a necesidade de facer un uso seguro desta maquinaria e provela de estruturas de protección e cintos de seguridade.

Segundo datos do Observatorio Estatal de Condicións de Traballo (OECT) do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST) o principal axente material asociado aos accidentes en xornada laboral na actividade agrícola e gandeira é o tractor. O envorco é unha das causas que poden desembocar nas consecuencias máis graves e mesmo mortais se non se toman as medidas apropiadas de seguridade.

Durante o ano pasado (datos provisionais) rexistráronse en Galicia 82 accidentes laborais de tractor, 2 deles mortais e a maioría, o 90% de tipo leve. Na provincia de Pontevedra anotouse un deses sinistros mortais, dun total de 11, dos que 9 foron leves e outro grave. 

Os accidentes de maior gravidade débense principalmente a ausencia de estrutura de protección e de cinto de seguridade. Tamén a unha nula ou incorrecta utilización destes sistemas dos que veñen provistos os tractores.

O Plan nacional de sensibilización en prevención de riscos laborais no sector agrario, no que se enmarca esta campaña, pretende concienciar sobre o envorco do tractor co lema A túa vida, sen voltas. O Issga contribuíu ao seu deseño como integrante do grupo de traballo da Comisión Nacional que elaborou o plan.

A iniciativa súmase ás numerosas campañas despregadas polo Issga nos últimos anos para concienciar, sobre todo á poboación rural, tamén á non profesional, para que incorpore as medidas de prevención no manexo do tractor para evitar accidentes na súa contorna e de circulación nas vías públicas.