Venres, 9 Maio de 2025

Máis de 400 nenos participarán nos contacontos ilustrados dedicados a Ernestina Otero en Redondela

O Concello de Redondela, do Servizo de Normalización Lingüística dependente da Concellería que xestiona a alcaldesa Digna Rivas, vén de poñer en marcha unha serie de contacontos ilustrados de cara a poñer en valor a figura de Ernestina Otero.

Serán, en total, máis de 400 os escolares, de oito centros educativos redondeláns, os que participen nesta iniciativa na que, ademais, cada un dos alumnos levará para a súa casa o libro infantil «Semente de igualdade, semente de liberdade. Pequena biografía de Ernestina Otero» de Enrique Mauricio con ilustracións de Carlos Taboada, dedicado á figura da insigne mestra e pedagoga.

Logo de desenvolverse no EEI de Ventosela; no CEIP Bóveda e no CEIP Reboreda, a actividade continuaba hoxe luns, 7 de marzo, no EEI Cesantes para continuar o martes 8 ás 10 horas e 12 horas no CEIP Cedeira, o xoves 10 ás 10 horas e 12 horas no CEIP Quintela e o venres 11 ás 10 h e 12 horas no CEIP Porto Cabeiro.

Xa na seguinte semana, os contacontos ilustrados continuarán o seu ciclo cos que se levarán a cabo o luns 14 ás 10 h no CEIP Bóvedas e ás 12:30 horas no EEI Cesantes e, finalmente, o martes 15 ás 10 h e 12 horas no CEIP Outeiro das Penas.

A alcaldesa de Redondela e concelleira de Normalización Lingüística, Digna Rivas, subliñou a importancia de car a coñecer entre o alumnado a figura dunha mestra e pedagoga “que é un exemplo a seguir polas prácticas innovadoras que utilizou no eido da educación”. Non se pode esquecer que foi a impulsora da asistencia á escola, os dereitos das mulleres e a renovación do profesorado “conseguindo poñer a semente para unha xeración preparada para a liberdade”, apunta a alcaldesa redondelá.