Sábado, 3 Maio de 2025

Roberto Mera presenta no Porriño o seu libro “Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos”

O sábado, 5 de febreiro, ás 12.30 h, na sala Tranvía do Círculo Recreativo Cultural

O avogado e politólogo de Ponteareas Roberto Mera Covas presenta mañá sábado, no Círculo Recreativo Cultural do Porriño, ás 12.30 h, o seu libro “Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos”, publicado por Belagua Ediciones. No acto, o autor estará acompañado por Alfonso Pato, xornalista e director do Festival de Cans.

Roberto Mera recuperou para a historia a vida do seu tío bisavó, o deputado republicano Alejandro Viana (Ponteareas, 1877-México DF, 1952), cuxa intervención foi decisiva para a evacuación dende Francia cara a América de 17.000 refuxiados republicanos tras o estoupido da guerra civil española.

A través dunha inxente documentación atopada en diversos arquivos, Mera Covas constrúe un libro ameno e de áxil lectura para contar os dezaséis últimos anos da vida de Alejandro Viana, «un home íntegro e entregado aos demais», que fuxiu a Francia co goberno da República e arriscou a súa vida, acosado pola Gestapo e a Falanxe, para salvar a decenas de miles de persoas antes de poder el mesmo embarcar cara ao exilio en México, onde morreu en 1952.

O libro é, en palabras do seu autor, «un acto de xustiza para un home que merecería o apelativo do Schindler galego por méritos propios e que, porén, foi vítima, como tantos e tantas, do sepulcral esquecemento imposto polo medo e o terror de corenta anos de ditadura, alongado ata os nosos días por un vergoñento pacto de silencio».

Precisamente, para facerlle xustiza, recuperar a memoria e espallar a figura de quen foi, ademais, un relevante persoeiro do empresariado, a política e a sociedade viguesa anterior ao golpe de Estado de 1936, o autor está celebrando numerosas presentacións por toda Galicia. As próximas celebraranse en Ourense (día 10, na libraría Espacio Lector Nobel), Ribadeo (día 11, na Casa do Viejo Pancho), Monforte (día 12, no Ateneo Casino), e Salceda de Caselas (día 18).